Dec 092010
 2010-12-09T13:58:51+00:00

Manuel MaríaO Galo comprácese en presentar o libro inédito “Galiza” do poeta Nacional Manuel María, o próximo 14 de decembro ás 20:00 no noso local e contaremos coa participación de Uxía Senlle, Xosé Ramón Freixeiro, Xosé Cobas e Alberte Ansede

“Galiza” é unha síntese da historia e da xeografía da Galiza realizada por un dos escritores galegos máis destacados da segunda metade do século XX e por unha das persoas que mellor coñecía o país, tanto fisicamente, como espiritualmente, xa que tivo unha dedicación constante ao estudo e á reflexión sobre a historia, a literatura, as tradicións e a alma dunha Galiza que amaba profundamente.
Aínda que a obra é unha descripción do propio País, o seu autor acude á ficción do diálogo entre rapaces e rapazas, que neste caso tracexan desde a distancia da Galiza emigrante unha imaxe entre real e bucólica do país soñado. Por tanto o libro ten tamén unha decidida vocación didáctica, e vai dirixido tanto a un público xeral interesado en coñecer de forma concisa e amena algúns dos aspectos máis destacados do pasado e do presente do seu país, como tamén, e de modo especial, a un público xuvenil, pois novas son tamén as personaxes que o protagonizan e nova e refrescante lles vai resultar en moitos casos a visión que aquí acharen do seu propio país, dispoñendo tamén o profesorado dunha ferramenta atractiva e útil.
O libro “Galiza” reproduce un texto mecanografado polo autor que permanecía gardado no seu arquivo particular e que figura sen datación, aínda que da súa lectura se desprende que foi escrito  arredor de 1986 ou 1987. A pesar do tempo transcorrido, a obra conserva todo o seu valor e actualidade, xa que o autor se centrou fundamentalmente naqueles aspectos do país que resultan máis permanentes e, por tanto, menos suxeitos ás inevitábeis mudanzas temporais. Ao mesmo tempo, tal como o autor deixou expresado no manuscrito, incorpóranse ilustracións e gráficos que complementan a información ofrecida por el, mais con datos actuais, de modo que o libro se presenta ao público de hoxe perfectamente posto ao día no relativo á información que contén.