Abr 042011
 2011-04-04T22:28:44+00:00

Recital PoéticoO día 16 de abril do ano 1061 pasará á historia como o primeiro acto de unión oficial entre dous homes, Pedro Díaz e Muño Vandilaz, na parroquia de Santa María de Ordes, en Rairiz de Veiga. A vindeira semana, xaquelogo, faranse os 950 anos da institucionalización deste emparellamento homosexual, realizado por motivos de afecto entre estes dous individuos, que se comprometen a viviren xuntos e a se coidaren.

Para que este aniversario non desapareza da memoria, o mércores  13 de abril, ás 19 h, na cafetaría Airas Nunes de Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 17), organizamos, coa colaboración do Colectivo Gai de Compostela e BOGA, a agrupación de mulleres lésbicas e bisexuais de Galiza, un recital poético conmemorativo

No acto participarán catorce voces de diferentes xeracións: Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Lois Diéguez, Luís González Tosar, María Rosendo, Marica Campo, Rosa Enríquez e quen isto escribe. O lema da convocatoria é unha expresión latina que se encontra no documento de unión entre Pedro e Muño: “in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora”; isto é: “en todos os días e todas as noites, para sempre”.

Velaquí o texto da unión:

Pedro Díaz e Muño Vandilaz pactamos entre nós e para coñecemento dos demais, por escrito legal asinado o 16 de abril de 1061, no relativo á casa e á igrexa de Santa María de Ordes, que posuímos os dous e na cal somos iguais en labor, en acoller visitas, en coidala, decorala e gobernala, así como plantar, edificar e traballar na horta. Somos iguais tamén no coidado de nos vestirmos, de nos alimentarmos e de bebermos. E que un non dea nada a ninguén, nin foráneos nin hóspedes, sen o consentimento do outro, por honra da nosa amizade e da súa. E dividiremos por partes iguais o traballo da casa e encomendaremos por igual e sosteremos os nosos traballadores por igual e con dignidade. E seremos un para os demais bos amigos con fe e sinceridade, tendo por igual os mesmos amigos e inimigos todos os días e todas as noites, para sempre. E que habitemos dita casa en igualdade. E non permitamos que un mande sobre o outro naquela casa da vila de Santa María, nin que teñamos maos agoiros con ningún dono ou dona, nin que teñamos a ningún home vivo en menos estima pola súa causa durante a nosa vida. E que non teñamos ningún preito polas estremas da casa, e se mentísemos algún aos outros, e por mor da mentira mandásemos maos agoiros aos outros e rachásemos o acordado, quen tales cousas fixese pague 100 soldos e teña a súa verdade. E se Pedro morrer antes que Muño, deixará a Muño a propiedade e os documentos. E se Muño morrer antes que Pedro, deixaralle a casa e os escritos.

Anímate e acode!