Xul 142011
 2011-07-14T18:43:32+00:00

O GALO EN COLABORACIÓN COA EDLG DA EOI DE SANTIAGO, EXPORÁ AS ESTAMPAS DE GUERRA DE CASTELAO.

A exposición inaugurarase cun acto a segunda feria (luns) 18 de xullo ás 12.00 no Toural

Exposición CastelaoO ano 1936 iniciárase con grandes esperanzas para o pobo galego: en febreiro a vitoria da Frente Popular (da que facían parte os nacionalistas do Partido Galeguista) e en xuño o esmagador triunfo do plebiscito do Estatuto de Autonomía que, embora moi limitado, abría por vez primeira as posibilidades de autogoberno da Galiza. Mais todo mudou no mes de xullo. A sublevación militar fascista e o inicio do conflito bélico e da represión inzou as cunetas de cadáveres e murchou de súpeto tantas esperanzas. Mais houbo unha forte resistencia por parte do pobo galego -tantas veces esquecida e non valorizada- tanto no interior como nos campos de batalla da Península e despois, no exilio.

Hoxe, 75 anos despois, achegámonos a ese momento dramático da nosa historia da man dun dos seus protagonistas, talvez o máis singular: Daniel Castelao. Dirixente político nacionalista, deputado, escritor e debuxante, dedicou todos os seus esforzos para a derrota do fascismo e para a restauración da democracia a camiño da soberanía da Galiza. Con numerosas intervencións e escritos animou a resistencia, a organización das Milicias Galegas e a denuncia da iniquidade e do terror. Nos álbums de guerra (tamén non –como o conxunto da obra de Castelao- suficientemente divulgados e coñecidos) fica patente todo ese inestimábel labor de entrega á causa de Galiza e da Liberdade.
Con esta mostra das estampas de guerra, a Asociación cultural O GALO e a Equipa de Dinamización da EOI de Santiago, queremos contribuír para a recuperación da memoria histórica e para a divulgación da obra de Castelao, a mellor homenaxe que lle podemos facer neste 125 aniversario do seu nacemento. Con el confirmamos que non enterraron cadáveres, mais semente.