Xul 182011
 2011-07-18T22:42:28+00:00

 

Alba de Gloria

Diante da desfeita cultural que sufrimos, da que o roubo do Códice Calixtino non é máis que o colmo do abandono e desprezo que padece o noso patrimonio e os bens materiais e inmateriais que forxaron a nosa conciencia colectiva, a federación de asociacións culturais GALIZA CULTURA, da que O Galo forma parte, vai celebrar o vindeiro sábado 23 de xullo ás 12.00 unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico do que soubemos das súas lendas e misterios grazas a obra medieval agora desaparecida. Rememorando á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.

Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o “Alba de gloria”, discurso de celebración do día da patria galega. No 125 aniversario deste autor que é infravalorado e esquecido por unhas institucións que deberan celebralo, as asociacións culturais galegas queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.

A continuación do acto haberá un xantar de confraternización. Se te quixeres apuntar cubre o formulario que se atopa na web de Galiza Cultura https://sites.google.com/a/galizacultura.org/galiza-cultura/