Cultura contra Censura

 Posted by at 08:12 on 13/06/2012  Actividades, Debates, Participación cidadá
Xuñ 132012
 2012-06-13T08:12:14+00:00

Cultura contra CensuraEntidades e colectivos da cidade organizáronse fronte ao intento do goberno municipal do PP de impedir a celebración de actividades en espazos públicos. Nun segundo encontro decidiron, entre outras cousas, solicitar unha xuntanza co alcalde e esta mesma mañá cursaron dita solicitude. Asimesmo tamén elaboraron un manifesto, asinado por 25 entidades, no que deixan clara cal é a súa postura ante o texto da ordenanza.

Esta mesma mañá presentaban en rexistro a solicitude de xuntanza co alcalde da cidade, Ángel Currás, para amosarlle o seu descontento e pedirlle que modifique a ordenanza. Ademais, acordaron tamén editar material informativo sobre a ordenanza como cartaces, volantinas e comezar a moverse nas redes sociais para deixar clara a súa postura. Por outra banda, elaboraron un Manifesto e aprobaron colocar mesas informativas para dalo a coñecer e comezar coa recollida de sinaturas que apoien o manifesto. Seguiron tamén avanzando no traballo de elaborar alegacións individuais e colectivas e acordaron transmitir toda esata información ao resto de entidades da cidade co fin de que se unan ás 25 que xa están traballando xuntas.

O texto do Manifesto, que leva por título ‘Cultura contra a censura’ é o seguinte:

“Desde o seu nacemento como cidade, Santiago de Compostela fixo de Galiza un referente cultural ao ser un espazo para o desenvolvemento de diferentos movementos sociais e culturais, na reivindicación social, na arquitectura, as artes plásticas, a música ou a literatura.

Na época contemporánea xermolou na nosa cidade un importante movemento asociativo que a través de iniciativas diversas e sen ánimo de lucro (concertos, festas, deporte, cinema, exposicións, xogos infantís, manifestacións…) fixo das rúas e prazas de Santiago de Compostela un espazo público dinámico, útil, atractivo e de expresión cultural e cidadá que leva xerado numerosos beneficios socias e mesmo económicos.

O Concello de Santiago como institución debería velar polo mantemento dos espazos públicos coomo lugares para a iniciativa cidadá e para a convivencia normal do conxunto da sociedade.

Porén, no último ano vimos asistindo a tentativas por parte da administración local de establecer unha sorte de censura  previa sobre  actividades que até o de agora se viñan celebrando con normalidade por parte dos diferentes colectivos e entidades sociais de Santiago de Compostela.

O concello de Santiago parece non entender que o desenvolvemento de actividades  culturais non pode estar submetida aos gostos ou principios ideolóxicos do goberno municipal, senón ao pluralismo existente na sociedade.

O último exemplo de ataque á celebración de actividades culturais nas rúas e prazas é a ordenanza municipal de utilización dos espazos públicos, pretende converter en sospeitosas e potencialmente conflitivas, o que até o momento foron actividades culturais celebradas na vía pública, e xa que logo, de encontro, de convivencia e de expresión democrática.”

 

Confirmaron a adhesión aos acordos, ficando abertos a outras incorporacións:

Agrupación cultural O Galo, Asociación Galega de Arte e Cultura, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Asociación Cultural e Musical Solfa, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza,  Asociación de Veciños da Pontepedriña, Asociación de Veciños da Pontepedriña Sandra Prego,  Asociación de Veciños O Castiñeiro do Castiñeiriño, Asociación de Veciños Doutor Maceira de Conxo, Asociación de Veciños Raigame do Ensanche,  Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Asociación Xuvenil Itaca, Asociación Xirara, A Mesa pola Normalización Lingüísitica, Bloque Nacionalista Galego, Candidatura do Povo, Comités, Confederación Intersindical Galega, Federación Galiza Cultura, Federación Rural Galega, Fundación Bautista Álvarez, Galiza Nova, Liga Estudantil Galega, Movemento polos Dereitos Civís, Observatorio para a defesa dos dereitos e liberdades Esculca, Rede Galega de Empresas.