Xuñ 282012
 2012-06-28T15:06:21+00:00

O Galo contra a OrdenanzaAs entidades sociais de Santiago recibiron o compromiso do Concello de que non lles afectará a Ordenanza de Vía Pública

  • Malia o compromiso adquirido polo Xefe de Gabinete da Alcaldía e o Concelleiro de Mobilidade, a plataforma contra a ordenanza, realizará un seguimento do nivel de cumprimento do acordo que deberá concretarse na modificación da ordenanza e presentarán as alegacións oportunas.
  • Ademais ten previsto realizar actividades na rúa o 6 de xullo e recoller sinaturas en contra da Ordenanza

 

As entidades sociais, culturais e veciñais de Santiago  que traballan xuntas desde a aprobación inicial da ordenanza de utilización da vía pública, conseguiron o pasado martes manter unha reunión co concelleiro de Mobilidade e o xefe de gabinete da alcaldía do Concello de Santiago. En dita reunión, conseguiron o compromiso de que quedarán excluídas da ordenanza nos puntos que obrigan pagamentos e que así se fará constar no texto da ordenanza.

Tras esta reunión, onte mércores avaliaron a xuntanza e decidiron manter a realización de alegacións individuais e colectivas á ordenanza na liña de eliminar aqueles aspectos que poidan repercutir negativamente na celebración de actividades diversas nas rúas, prazas e barrios de Santiago. Concretamente, os aspectos que serán obxecto de alegación son os referidos ao pagamento de taxas, fianzas, enganche de luz, permisos en precario, megafonía… incluídos na epígrafe que a ordenanza titula “Probas deportivas, actos culturais, festas populares e análogas”.

Tras exporlle aos representantes municipais as súas reclamacións de excluír as entidades sen ánimo de lucro de aqueles puntos que obrigan ao pagamento de taxas, fianzas, permisos en precario…, e que situaban as estas entidades nunha situación de graves dificultades á hora de realizaren actividades sociais e culturais nas rúas de Santiago, os representantes das entidades veciñais, sociais e culturais, conseguiron que o Concello se comprometera a excluír estas entidades, estudando a maneira de incluír estas demandas no texto da ordenanza.

Malia creren que é preciso verificalo, este compromiso por parte do Concello é valorado positivamente polas entidades sociais, culturais e veciñais, aínda que cren que é preciso un cambio profundo de actitude por parte do Concello en relación cos problemas que leva creado neste último ano (limitación á celebración de actividades musicais, denegación de permisos, imposición de taxas a actividades gratuítas, ou dificultades a actividades cunha longa traxectoria en Santiago), polo que manterán a súa actividades de difusión da importancia que ten para o conxunto da cidadanía que Santiago se manteña como cidade referencial na utilización dos espazos públicos como lugares de expresión cultural, social e democrática. Neste sentido, coa idea de facer visíbel ante a cidadanía a necesidade de que os espazos públicos sexan lugares para a expresión social e cultural, o vindeiro venres 6 de xullo realizaranse actividades musicais en diferentes prazas da Cidade Vella de Santiago.

Por último a plataforma acordou manter un seguimento dos problemas que no futuro se lle poidan presentar a entidades sen ánimo de lucro para a celebración das súas actividades normais, así como a recollida de sinaturas.