Xul 192012
 2012-07-19T10:05:50+00:00

"Alba de Gloria" no Pico SacroA Federación Galiza Cultura celebra unha lectura conxunta do ‘Alba de Gloria’ cun roteiro polo Pico Sacro en vésperas do Día da Patria Galega

•    As asociacións culturais galegas renden así homenaxe a Castelao lembrando e retomando unha tradición coa que simbolizan a espera dunha alba de gloria para Galiza e a súa cultura
•    Tras a celebración haberá un xantar de confraternidade para o cal hai que anotarse na web da Federación: www.gzcultura.org así como unha actuación da Quenlla e un recital poético

A federación de asociacións culturais, Galiza Cultura celebra este sábado 21 de xullo un acto simbólico que xa fixeran o pasado ano e co que pretenden paliar o “desleixo e desprezo cara a nosa cultura” comezando as celebracións do Día da Patria Galega. Consistirá nunha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoran así á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.

Desde a Federación lembran que Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a Festa Nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o “Alba de Gloria”, discurso de celebración do Día da Patria Galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionaria de entón. Por iso as asociación culturais galegas a través de Galiza Cultura queren render homenaxe a Castelao porque queren “volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.”

O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00h. desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida dun representante da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura ao Alba de Gloria, coa intervención de Mª Pilar García Negro como presidenta de Galiza Cultura. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata”, logo do cal se celebrará unha actuación musical do grupo A Quenlla, con recital poético e intervencións de representantes das diferentes asociacións culturais na defensa da nosa cultura.

Para máis información e inscrición:
www.gzcultura.org