Out 252012
 2012-10-25T08:30:06+00:00

Plataforma Contra a Ordenanza de OcupacionO Galo parabenízase por conseguir facer realidade as súas demandas na ordenanza, con cautela ata coñecer o texto completo

As entidades sociais, culturais e veciñais de Santiago traballaron xuntas desde a aprobación inicial da ordenanza de utilización da vía pública para que o texto non incluíse determinados parámetros que consideraban dañinos para o libre funcionamente do tecido asociativo da cidade. Así, mantiveron xuntanzas con membros do goberno municipal, presentaron alegacións ao texto, individuais e colectivas, e fixeron diversas mobilizacións e actos de protesta ao longo dos últimos meses. O obxectivo era conseguir que se eliminaran do texto aqueles aspectos que poideran repercutir negativamente na celebración de actividades diversas nas rúas, prazas e barrios de Santiago. Concretamente, os aspectos que foron obxecto de alegación foron os referidos ao pagamento de taxas, fianzas, enganche de luz, permisos en precario, megafonía… incluídos na epígrafe que a ordenanza titula “Probas deportivas, actos culturais, festas populares e análogas”.

Estaban firmemente convencidos de que non excluír as entidades sen ánimo de lucro de aqueles puntos que obrigan ao pagamento de taxas, fianzas, permisos en precario…, situaban as estas entidades nunha situación de graves dificultades á hora de realizaren actividades sociais e culturais nas rúas de Santiago. Resaltaban a importancia que ten para o conxunto da cidadanía que Santiago se manteña como cidade referencial na utilización dos espazos públicos como lugares de expresión cultural, social e democrática.

A Agrupación Cultural O Galo ten coñecemento de que no Pleno Municipal de mañá se pretende aprobar o texto desta ordenanza e que nel recollen algunhas destas demandas, en concreto a eliminación de pago de taxas ou o pago do enganche da luz. Á espera de poder ler o texto definitivo (xa que non se recibiu resposta das alegacións) e polo tanto con cautela ata comprobar todos os puntos, desde a agrupación Cultural o Galo parabenízanse de ter conseguido facer realidade ás súas demandas. Isto demostra, segundo a agrupación, a importancia e a utilidade da protesta activa cidadá e desde as institucións.