Xan 162013
 2013-01-16T09:05:19+00:00

Solidariedade con Roi Vázquez CabanasA Agrupación Cultural O Galo quere amosar a sua solidariedade co músico Roi Vázquez Cabanas, brutalmente agredido pola policia municipal de Santiago de Compostela

A noite do pasado día 10 de xaneiro, despois de actuar nun concerto coa Banda de Narf, o veciño de Compostela e coñecido músico da Banda das Crechas foi interceptado por unha patrulla de policias municipais que o acusaban de participar nunha anterior manifestación na que se terían producido disturbios. A pesar de explicarlles que el era músico e que no momento en que o acusaban de participar nuns disturbios el estaba actuando ante varios centos de persoas, os policias actuaron violentamente rompéndolle tres falanxes dun dedo e máis unha de outro. Como consecuencia, este rapaz, que ten nas súas mans o seu medio de vida, pasará polo menos catro meses sen poder exercer ningunha das actividades coas que se gaña o pan, terá que someterse a cirurxia e aínda así perderá un 30% de mobilidade.

A nosa asociación quere denunciar este despropósito que é ademáis unha metáfora macabra do que acontece co mundo cultural en Santiago de Compostela, abafado con taxas e normativas que restrinxen as suas actividades, cando non directamente criminalizado, perseguido e agredido, ao tempo que no Concello están imputados o Alcalde e a Concelleira de Educación e Normalización Lingüística.

Vaia con el a nosa solidariedade e a forza do noso apoio para que feitos como estes non se repitan nen fiquen impunes