Xan 252013
 2013-01-25T19:00:35+00:00

Plataforma Contra a Ordenanza de OcupacionA Agrupación Cultural O Galo convoca de novo ás distintas asociacións integradas na Plataforma contra a Ordenanza de Ocupación da Via Pública de Compostela, tras coñecerse que o Concello aplica as taxas da ordenanza a unha asociación sen ánimo de lucro como é Queremos Galego, da que O Galo fai parte.

Esta imposición de taxas supón o incumprimento dos compromisos adquiridos polo Xefe de Gabinete da Alcaldía e polo Concelleiro de Mobilidade, que se comprometeran a non aplicar a ordenanza a asociacións e entidades sen ánimo de lucro. Ademáis, supón tamén a demostración palmaria de que esta normativa ten unha aplicación discrecional guiada únicamente por criterios ideolóxicos. Aínda temos na memoria as taxas que o Concello quixo impor á Rede Feminista Galega e ao Cineclube de Compostela pola realización dun ciclo de cinema ao ar libre.

Preocúpanos, ademáis, o feito de que o Concello se atreva a aplicar estas medidas cunha gran organización como Queremos Galego, que reune o apoio de milleiros de persoas en toda Galiza e xa convocou manifestacións anteriormente na cidade, con participacións históricas (chegando a encher a Praza do Obradoiro) e sen un só incidente que xustifique esas medidas.  Isto significa que cunha pequena asociación cultural ou veciñal desta cidade tampouco lle tremerá o pulso a hora de aplicar estas mesmas medidas ou aínda máis restrictivas.

Por estes motivos, O Galo convoca á veciñanza de Santiago de Compostela a unha reunión no Local Social de Pontepedriña o vindeiro martes 29 de xaneiro ás 20.00, co obxecto de estudar e consensuar unhas medidas que garantan a posibilidade das asociacións sen ánimo de lucro de utilizar os espazos públicos da cidade sen coaccións económicas por parte do Concello

Tamén chama a participar na manifestación deste domingo 27 de xaneiro do 2013 convocada pola Plataforma Cidadá Queremos Galego baixo o lema “Pola lingua que nos une”