Feb 142013
 2013-02-14T14:21:58+00:00

Presentación Sermos GalizaA Agrupación Cultural O Galo organiza unha nova presentación pública do Sermos Galiza

Após un ano de andaina como diario dixital e semanario impreso, Sermos Galiza enceta unha nova campaña de presentacións por todo o país para dar a coñecer o seu proxecto xornalístico de base nacional-popular, nado a partir das achegas económicas realizadas por centos de persoas.

A nosa asociación xa colaborou anteriormente con este proxecto, cando aínda percorría os primeiros pasos do camiño que levarían ao seu nacemento, e quere continuar coa sua colaboración agora que se demostra a súa necesidade, tanto pola agresividade da maioría dos medios de comunicación cara os movementos sociais e populares, como pola nula presenza da lingua galega entre eles.

O vindeiro 20 de febreiro ás 20.30 no café Airas-Nunes

Neste céntrico café de Santiago de Compostela terá lugar a presentación que organizamos, e que contará coa presenza de Néstor Rego, Presidente da A.C. O Galo e de Paula Castro e Olalla Rodil, do Consello de Administración de Sermos Galiza, que debullarán as necesidades e obxectivos desta nova etapa, marcada por un novo deseño, máis innovador e vangardista, pero mantendo o seu espírito fundacional: difundir a información precisa desde unha perspectiva crítica e nacional.

É un acto aberto ao público totalmente gratuito polo que estades convidados a asistir.