Roteiro Rosalía de Compostela

 Posted by at 14:21 on 18/02/2013  Actividades, Historia, Língua, Roteiros
Feb 182013
 2013-02-18T14:21:08+00:00
Roteiro Rosalía

Caricatura de Rosalía por Maside (1952?) na web da Fundación Rosalía

A Agrupación Cultural O Galo súmase á celabración do Día de Rosalía

Cun roteiro guiado pola profesora de lingua e literatura Mercedes Espiño que terá saída na Praza de Vigo o sábado 23 de febreiro ás 17.00, a nosa asociación quere sumarse á celebración do Día de Rosalía que a este ano ten unha relevancia moi especial por se cumpriren 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos”, o primeiro libro completamente en galego que supuxo o renacemento da nosa literatura culta.

Neste roteiro coñeceremos os lugares de Santiago de Compostela que tiveron especial relevancia na vida de Rosalía de Castro: onde naceu, viviu, escribiu e loitou. Será un roteiro através de unha ducia de puntos da cidade, nos que adicaremos uns momentos a explicar a súa relación con Rosalía ou coa sua obra e aproveitaremos para realizar a leitura de algún poema.

Ademáis do roteiro, centos de actividades

Tamén queremos animarche a participar dos actos convocados por diversas asociacións.

O mesmo sábado 23 ás 19.00, organizado pola AELG, terá lugar na Libraría Couceiro unha lectura de poemas xunto cun manifesto que trata de chamar a atención sobre o valor da obra rosaliana e o seu esquecemento.

Xa o domingo 24, que é propiamente o Día de Rosalía, haberá as seguintes actividades:
De 10.00 a 12.00 celebraráse a Alborada para Rosalía na que milleiros de gaiteiros de toda Galiza renderán tributo á escritora. En Compostela, celebraráse ás 10 da mañá na Praza de Vigo. Podedes atopar máis información e máis lugares na páxina de Chamamento aos gaiteiros galegos con xeolocalización de outras actividades, por se vos queda máis perto.
Recomendámosvos visitar tamén a web da Fundación Rosalía de Castro, principal promotora desta marea de actividades, pois día a día se actualiza con novas propostas.
Finalmente, o domingo 24, ás 12:00, no Panteón de Galegos Ilustres, onde está enterrada Rosalía de Castro, terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral.

Regala un libro e unha flor

E por suposto, como todos os anos, queremos animarche a regalares un libro e unha flor