Feb 262013
 2013-02-26T20:48:48+00:00

Colecta irmás FandiñoO Galo colabora na colecta para arranxar a tumba das Marías

Xunto co Ateneo de Santiago e a Asociación Galega de Marmoristas, animamos a cidadanía de Compostela a aportar fondos para arranxar o nicho 991 do cemiterio de Boisaca, onde teñen o seu derradeiro repouso, entre o desleixo e o esquecemento, as dúas irmás Fandiño

Toda a cidadanía que desexe amosar a súa solidariedade con esta iniciativa pode ingresar na conta corrente número 2080-0300-89-3040153448 da entidade Novagalicia Banco as súas achegas.

Desde a nosa asociación xa promovimos anteriormente outros actos de homenaxe ás irmás Fandiño, e queremos continuar coa labor de recoñecemento da súa vida e da súa rebeldía.

Non é a primeira vez que esta singular parexa consegue unir á cidadanía compostelá, pois xa nos anos 60 as irmás Fandiño recibiron a solidariedade da veciñanza de Santiago de Compostela, cando un trebón tirou abaixo o tellado da súa casa, e se organizou unha colecta popular que chegou a xuntar case 250.000 pesetas das de aquelas, case o prezo dunha casa nova naquel tempo.

Nesta ocasión, a colecta é para acondicionar a sua última morada, o seu lugar de repouso. Queremos instalar unha lápida que as identifique, que as recorde, que as manteña vivas na memoria colectiva.

Se queredes saber máis sobre As Marías

As Irmás Fandiño, Coralia e Maruxa, fan parte da historia da nosa cidade, unha historia dura e terríbel de represión e tortura, unha historia ocultada que se quere restrinxir a un comportamento pintoresco, unha historia que merece ser divulgada e recordada. Achegámosvos aquí unha serie de fontes das que podedes obter información da súa vida:

Unha biobibliografía das Irmás Fandiño realizada por Encarna Otero

Un emotivo texto sobre As Duas En Punto escrito por Teresa Moure

Unha entrevista a Xose Henrique Rivadulla Corcón, realizada con motivo da presentación do seguinte documental que vos recomendamos e do que é autor