Mar 132013
 2013-03-13T19:09:27+00:00

O pasado 7 de marzo organizamos un debate co título “Galiza diante do seu futuro”

Mesa do debateNeste debate participaron representantes de distintos partidos políticos e do principal sindicato galego para analizar as causas da crise económica e achegar alternativas ao debate cidadán.

Interviron Xose Constenla de Anova, Rubén Cela do Bloque Nacionalista Galego, Joam Antom Gonçalvez Maceiras de Causa Galiza, Anxo Noceda da Confederación Intersindical de Traballadores, Manuel González de Compromiso por Galicia, Rafael Dopico do Movemento pola Base, Carlos Morais de Nos-Unidade Popular e Iolanda Aldrei do Partido da Terra, coa moderación de Marcos Maceira, secretario da Agrupación Cultural O Galo.

Cada representante contou con dez minutos para expor a sua visión da situación actual e as súas alternativas, sinalando cadaquén os aspectos que consideraba máis relevantes para a superación da actual situación de crise económica e institucional. Tamén o público asistente tivo ocasión de expresar a súa opinión, de facer críticas e de achegar ideas compartidas.

Foi un acto complexo, por celebrarse nun local público cunha hora de peche determinada e ser tantas as organizacións representadas, pero intenso e cremos que produtivo, pois serviu tanto para establecer puntos comúns que poidan ser nexo de unión en futuras iniciativas sociais, como para clarificar posicións diverxentes que poidan ser obxecto de posteriores debates temáticos nos que se afonde nas razóns e argumentos que substentan a diverxencia.

Desde a nosa asociación seguiremos buscando establecer pontes de contacto e colaboración entre o entramado organizativo galego, para sermos quen de sacar adiante proxectos compartidos que teñan o máximo de apoio popular na defensa dos dereitos colectivos da nación galega. Se queres manterte ao día das nosas iniciativas, subscrebete á revista dixital do Galo.

Ao longo dos próximos días iremos subindo á nosa canle de youtube novos videos coas intervencións dos distintos representantes. Mentras tanto, aquí queda unha galería fotográfica do evento

[nggallery id=17]