Mar 222013
 2013-03-22T10:35:39+00:00

O Galo continúa co seu Obradoiro de Creación Literaria

Desde principios deste mes de marzo a nosa asociación imparte aulas de creación literaria, unha actividade que pretende fomentar a creatividade e conseguir expresala por escrito,  para deste xeito axudar a que vaian xurdindo novas fornadas de escritoras e escritores en lingua galega.

Dentro desta tarefa, foi para nós unha prioridade conseguir que o alumnado do obradoiro tivera a posibilidade de intercambiar opinións tanto entre eles, por medio dun blogue de creación literaria ao seu dispor, como con autores e autoras xa experimentados, con libros escritos, editados e vendidos, que poidan transmitir a súa experiencia e resolver dúbidas concretas.

Creación literaria con Teresa Moure

Teresa Moure colabora co Obradoiro de Creación Literaria

O vindeiro mércores 3 de abril ás 17.30h Teresa Moure falará sobre creación literaria na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, nunha sesión aberta ao público que iniciará a xeira de encontros cun grupo de escritores e escritoras que colaboran desinteresadamente, ou co único interese de axudar na transmisión de coñecementos e experiencia a aqueles e aquelas que o necesitan.

Teresa Moure é a escritora dunha obra moi variada, que vai desde a literatura infantil e xuvenil, con obras como A casa dos Lucarios ou Mamá, ti si que me entendes!, ao ensaio, xénero no que publicou recentemente Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións polo que recibiu o Premio Ramón Piñeiro 2011, pasando tamén polo teatro, con obras como Unha primavera para Aldara e Cínicas, e por suposto a novela, con títulos como A xeira das árbores ou a máis recente A intervención.

Sen dúbida, esa versatilidade dalle un especial interese a este encontro, pois poderá resolver dúbidas referentes á creación literaria dentro de varios xéneros, ademáis de poder falar sobre o proceso que segue á conclusión dun libro: a inscrición en premios e certames, a edición, a publicitación, a presentación pública da obra, etc