Abr 112013
 2013-04-11T09:26:01+00:00

Teresa Moure conversa cos alumnosA Agrupación Cultural o Galo contou o día tres de abril coa presenza da prestixiosa escritora Teresa Moure.

Ninguén mellor que Teresa Moure, autora dunha obra variada e orixinal, para falar diante do alumnado do Obradoiro de Creación Literaria da arquitectura que se esconde nunha novela, nun relato ou mesmo nun guión. Para falar de todos eses elementos que fan posible un mundo artificioso no que a autora se sumerxe para darlle vida ao que escribe.

Teresa Moure fala sobre creaciónA autora comezou o seu relatorio cunha proxección na que se misturaban imaxes e música mentres a súa poética voz a acompañaba cun magnífico texto da súa autoría sobre o que é a creación que cautivou a todos/as asistentes. Acudindo á obra de coñecidos artistas como Christo e Jeanne-Claude, Teresa Moure situa a arte, e a literatura como disciplina artística, como mecanismo discursivo, non exento de contradiccións, cun claro papel de intervención e combate social, que debe axudar a pór de manifesto as realidades negadas, debe darlle voz aos que non a teñen, sen reparar nos posíbeis danos colaterais.

O público fala con Teresa MoureCercana e próxima, rompendo as barreiras protocolarias, participou sentada ao carón do público e contestou a todas as preguntas relacionadas coas dúbidas que foran saíndo ao longo do obradoiro: o tratamento das persoaxes femininas nas novelas hoxe en día, os roles que seguen asumindo; a inserción do diálogo na narración; como convertir un relato nunha novela curta, cándo decidimos o final, … ademais doutras preguntas máis persoais relacionadas coa súa propia experiencia como autora, a satisfación da súa escrita e o proceso de publicación dunha obra. Un proceso que Teresa Moure comparou coa maternidade, no que unha obra toma o papel de filla en formación, que recebe todos os coidados ata o día da sua publicación/parto, cando a obra deixa de ser parte da autora para nacer ao mundo como un novo ser para que sexan outros/as os que valoren, analicen e despedazen cada anaco de parágrafo.

O alumnado do Obradoiro, fala con Teresa MoureComo o relatorio foi aberto ao público, foron saíndo diferentes cuestións entre os presentes, coma o enfrontamento por parte dos autores entre o mundo rural e o urbano, enriquecendo aínda máis, se cabe, a charla. As alumnas/os encontraron respostas nas súas verbas e serviulles de impulso para enfrontarse como autores noveis á folla en branco. Pois en conclusión, cada un de nós necesita expresar a súa capacidade artística, uns por medio da pintura, outros da música, outros da fotografía e outros da escrita.

[nggallery id=23]