Abr 182013
 2013-04-18T16:16:39+00:00

Mártires da LiberdadeOs Mártires de Carral centran varias actividades o vindeiro 27 de Abril

A agrupación cultural O Galo organiza unha serie de actividades o sábado 27 de abril para homenaxear aos Mártires da Liberdade de 1846. Xunto coa Asociación Lúa Chea de Teo, a Asociación Vagalumes da Estrada, pertencentes á Federación Galiza Cultura pretendemos máis unha vez traer á lembranza estes sucesos de Abril de 1846, fundamentais para a historia de Galiza, como recoñecemento á loita pola democracia, vencellada sempre ao exercicio dos dereitos nacionais do pobo galego.

PROGRAMA

12.00 Roteiro dos Mártires da Liberdade
18.00 Acto de Homenaxe aos Mártires da Liberdade

Os Mártires da Liberdade de 1846

O mes de Abril de 1846 pasou á historia de Galiza por ter rematado co sangue verquido polos “Mártires da Liberdade” en Carral o día 26 tras os acontecementos que encheron Galiza de arelas de liberdade, e que comezaron o día 2 en Lugo cando un batallón do exército se levanta baixo o mando de Miguel Solís. Non tardan en sumarse outras cidades galegas como Santiago o día 4, Pontevedra o 9, Tui, Vigo e bisbarra, o día 10.

O 15 de Abril reúnese en Santiago unha Asemblea que toma como decisión principal, a de crear dous corpos de exército, un deles baixo a denominación de “Exército Libertador de Galiza”, e a de constituír unha Xunta Suprema do Reino de Galiza, que contará como Presidente con Don Pío Rodríguez Terrazo, e como Secretario a un dos principais ideólogos do Provincialismo (movemento que dá orixe ao nacionalismo): o mozo Antolín Faraldo, a quen se lle encarga a tarefa de redixir unha proclama que verá a luz ese mesmo día, na que se explican os obxectivos revolucionarios. Comprometéndose a combater a situación de asoballamento na que vive Galiza “convertida nunha colonia da Corte”, a Xunta encargarase de “fomentar os intereses materiais de Galiza”, mostrando os desexos colectivos de que o levantamento conquiste para Galiza “a influencia de que é merecente, colocándose no alto lugar a que está chamado o antigo Reino dos Suevos” e de “que a espada de Galiza faga inclinar unha soa vez, a balanza na que se pesan os destinos de España”.

Non era un pronunciamento máis dos que terán lugar no Século XIX. Malia a participación militar, contaba cun claro protagonismo civil e democrático. Reclámase democracia e a participación da sociedade na toma das decisións que lle afectan, como condición necesaria para o progreso social e económico que é maior canto maior é o autogoberno dos pobos. Facíao ademais nun momento no que a oligarquía comeza a conformar un Estado onde, como agora, a defensa dos seus intereses como minoría se asentan no españolismo e na eliminación de calquera mostra de pluralidade nacional vencellada daquela coma hoxe á loita democrática.

Este levantamento facíase desde Galiza, con claras arelas de autogoberno, coa convicción de que a liberdade no Estado só podía partir da liberdade dos Pobos que o conforman, e coa conseguinte desaparción do centralismo.

Estas convicións tan fortes fan deste o levantamento o que máis se prolongou dos que tiveron lugar no XIX, e de grande perigo para o propio Estado, que non dubidaría en enviar un Xeneral desde Madrid para reprimir o movemento.

Otero Pedraio en Os Camiños da Vida relata así a situación:

As cousas estaban ben preparadas. O Comité Civil arelante dunha Galiza ceibe, soubo transformar o movemento militar nunha verdadeira e salvadora revolución (…). Dende a pequena capital de provincia, o erguemento fará estoupar en revolta todos os ventos da España. Os pobos terían liberdade, e Galiza unha personalidade ceibe”.

A revolución galega e democrática triunfou na continuidade até os nosos días do nacionalismo galego como movemento ao que deu orixe, malia os Mártires ter perdido aquel 23 de Abril de 1846 en Montouto na Batalla de Cacheiras contra as tropas do Xeneral Concha enviadas polo poder central para reprimir o levantamento. Finalmente as tropas da Liberdade terán o seu último ponto de resistencia no mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela.

Os principais dirixentes desta Revolución Galega de 1846, irán camiño do exilio e o desterro. No pior dos casos serán fusilados o día 26 pasando a ser para sempre lembrados na memoria colectiva do Pobo Galego, polo que deron a vida, co nome de “Mártires de Carral”, lugar onde foron fusilados vulnerando os compromisos contraídos e toda legalidade, cando os dirixían á Coruña para seren xulgados.