Roteiro dos Mártires da Liberdade

 Posted by at 08:39 on 25/04/2013  Actividades, Historia, Roteiros
Abr 252013
 2013-04-25T08:39:46+00:00

Os Mártires da Liberdade será homenaxeados polo Galo

Cun roteiro que dará inicio na rua Campo de Conxo (fronte á igrexa) de Santiago de Compostela o vindeiro sábado 27 de abril ás 12 da mañá, a Agrupación Cultural O Galo quere traer á lembranza a Batalla de Cacheiras, que enfrontou ao Exército Libertador de Galiza coas tropas imperialistas castellanas.

Roteiro dos Mártires da Liberdade

Será esta unha das actividades mediante as que a Agrupación Cultural O Galo, a Asociación Lúa Chea de Teo e a Asociación Vagalumes da Estrada, todas elas pertencentes á Federación Galiza Cultura, pretendemos máis unha vez traer á lembranza estes sucesos de Abril de 1846, fundamentais para a historia de Galiza, como recoñecemento á loita pola liberdade e a democracia, vencellada sempre ao exercicio dos dereitos nacionais do pobo galego.

Subiremos pola Cruxeira cara Cacheiras, no Concello de Teo, acompañando a camiñada con explicacións sobre o contexto histórico, a situación social, os referentes ideolóxicos e os obxectivos políticos dunha revolución que sacudiu á sociedade galega, obtendo incontabeis apoios populares e sementando a idea da liberdade de Galiza.

Identificaremos algúns dos puntos xeográficos que tiveron relevancia naquel momento ou na propia Batalla de Cacheiras, e descubriremos algunhas das claves tácticas e estratéxicas que determinaron a derrota do Exército Libertador Galego.

Faremos unha parada para un xantar de convivio, para o que cadaquén levará o seu (empanada, tortilla, ensaladilla, … o que querades) para partillarmos entre todas e todos. Despois de xantar voltaremos a Santiago de Compostela por Sar cara San Martiño Pinario.

Alí realizaremos, ás seis da tarde, un acto de homenaxe aos Mártires da Liberdade coa participación de traballadores, poetas, estudantes e músicos coa que se porá remate a esta xornada de divulgación e reivindicación da nosa historia nacional

É unha actividade totalmente gratuita polo que estades convidados a asistir e participar activamente

No seguinte enlace podedes informarvos sobre os Mártires da Liberdade