Abr 292013
 2013-04-29T11:25:41+00:00

O Obradoiro de Creación Literaria do Galo finaliza por este curso

Desde principios do pasado mes de marzo a nosa asociación imparte un obradoiro de creación literaria, unha actividade que pretende fomentar a creatividade e axudar a expresala por escrito,  para deste xeito conseguir que vaian xurdindo novas fornadas de escritoras e escritores en lingua galega. Dentro desta tarefa, foi para nós unha prioridade conseguir que o alumnado do obradoiro tivera a posibilidade de intercambiar opinións tanto entre eles, por medio dun blogue de creación literaria ao seu dispor, como con autores e autoras xa experimentados, con libros escritos, editados e vendidos, que poidan transmitir a súa experiencia e resolver dúbidas concretas.

Creación literaria Manuel Portas

Manuel Portas colabora co Obradoiro de Creación Literaria

O vindeiro luns 6 de maio ás 17.30h Manuel Portas falará sobre creación literaria na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, nunha sesión aberta ao público que continuará cos encontros con escritores e escritoras dispostos a partillar as suas experiencias no mundo da escrita e a axudar a superar obstáculos comúns tanto á hora de escreber unha novela como á hora de publicala.

Manuel Portas é o escritor de “Faneca Brava“, a novela recén publicada coa que dá continuidade a unha carreira novelística que o levou a publicar no 2010 a novela “Denso recendo a salgado” e en 2011 “Un dedo manchado de tinta“. Pero tamén destaca o seu traballo ensaístico, con títulos individuais como “Língua e Sociedade na Galiza“, do 1991, así como dentro de obras colectivas como o “Estudo Crítico das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego“, de 1983.

Tamén resulta interesante sinalar que Manuel Portas presentará a súa última obra o día 3 de maio ás 19h durante a Feira do Libro de Compostela, o que nos permitirá ser testigos dunha outra tarefa imprescindíbel que en algún momento deberá afrontar todo escritor: a presentación ao público da sua obra, a interacción cos lectores, etc

Continuará…

A pesar de rematar coas aulas presenciais durante este curso (retornarán no mes de outubro) aínda haberá outra palestra sobre creación literaria. Aínda non temos a data fixada, pero será ao final de maio, principios de xuño. Se queredes mantervos ao día, facede á subscrición ao noso boletín dixital.