Abr 302013
 2013-04-30T15:58:32+00:00

Presentación de InfiltradosO vindeiro martes 7 de maio ás 20h terá lugar na Libraría Pedreira de Santiago de Compostela a apresentación de “Infiltrados. Os servizos secretos, a UPG e outras historias do nacionalismo“, o novo libro de investigación do xornalista Afonso Eiré, “Pucheiro”, que indaga nos procesos de ruptura das organizacións políticas nacionalistas galegas e a influencia dos servizos de secretos españois nos mesmos.

Segundo as investigacións do autor, a infiltración comeza a finais dos setenta. O autor asegura que «había unha percepción de que o nacionalismo galego ía contra o Estado, polo que o Estado decidiu actuar para defenderse. Teño documentos nos que figura como os servizos de intelixencia infiltraron a tres persoas no nacionalismo e o papel que xogou cada un».

No libro describe os obxectivos e medios dos Infiltrados: «Cada un estaba nun bando diferente das correntes ideolóxicas internas e influían con información parcial ou falsa para orientar os conflitos que derivaban en escisións ou marchas». O obxectivo último dos servizos secretos era evitar a cohesión do nacionalismo e impedir o xurdimento de liderazgos consolidados, polo que se magnificaban as diverxencias e liortas internas ou se propiciaban achegamentos a outros partidos, co fin de evitar a existencia dun nacionalismo soberanista ben organizado e con capacidade real de incidencia no seo da sociedade.

Un dos maiores atractivos desta novela de non-ficción é a decisión do autor de non ocultar baixo alcumes os protagonistas destes acontecementos históricos, senón publicala utilizando os seus nomes reais, con datos que documentan o acontecido e os métodos que utilizaron uns e outros nas disputas polo control e orientación ideolóxica deste movemento político.

O acto de presentación contará coa presenza de :

  • Afonso Eiré. Xornalista e autor de “Infiltrados”
  • Caetano Díaz. Xornalista
  • Tucho Calvo. Editor de Biblos Clube de Lectores

É un acto totalmente gratuito polo que estades convidados e convidadas a asistir