Mai 312013
 2013-05-31T23:08:28+00:00

Obras Escollidas Bautista Álvarez

O mércores 5 de xuño ás 19.30h presentaremos na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela o primeiro volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez.

O acto estará presentado por María do Carme García Negro e contará coa presenza de Bautista Álvarez.

Ao final do mesmo haberá tempo para o debate

Do Limiar do Volume I das Obras Escollidas de Bautista Álvarez traemos o seguinte fragmento no que se explica a orixe dos artigos publicados e unha pequena biografía do autor:

Neste primeiro volume —e contravindo a orde cronolóxica xeral— incluímos artigos publicados desde 2005 aos nosos días, incorporándomos tamén algúns inéditos, con indicación da súa data de escrita. A procedencia xeral é a revista Terra e Tempo e mais o dixital do mesmo nome. No primeiro caso, pertencen á «Carta do Presidente» que encabezou os sucesivos números. No segundo caso, o arquivo de todas as colaboracións permite comprobar o interese que suscitaron sempre, en forma de lecturas, votos e comentarios de opinantes. Non doutro xeito había de ser en quen acumula tantos anos de teoría e de praxe política, sempre dentro do nacionalismo galego e ao seu servizo, como cofundador da Unión do Povo Galego (vai xa para cincuenta anos) e do Bloque Nacionalista Galego, e como deputado desta formación durante catro lexislaturas e media (a media correspóndese coa ilegal expulsión sofrida en 1982, por privación dos dereitos regulamentariamente adquiridos na constitución do primeiro Parlamento galego, en 1981 [vid. o artigo «A comedia do xuramento»]. Mais, probabelmente, a definición que ao interesado máis lle agrade sexa a de militante firme e consecuente cos principios fundacionais do nacionalismo galego contemporáneo, non por casualidade herdeiros do ideario das Irmandades da Fala e do nacionalismo do Partido Galeguista de pre-guerra, actualizados, claro está, e acomodados aos requerimentos e necesidades do tempo presente.

O acto é público e gratuito, polo que estades convidados e convidadas a asistir