Xuñ 192013
 2013-06-19T14:17:33+00:00

Colaboramos coa Semana Cultural Solfa

Entre o 25 e o 28 de xuño vaise celebrar no Centro Sociocultural das Fontiñas a Semana Cultural Solfa, que organiza cada ano a Asociación Cultural e Musical Solfa, enchendo este bairro de concertos, conferencias e, nesta ocasión, tamén teatro. A nosa asociación colabora neste último punto coorganizando a presentación en Santiago de Compostela da obra “O mundo segundo Rosalía” o venres 28 de xuño ás 19h.

O mundo segundo Rosalía en Compostela

Esta obra de teatro popular, dirixida por Francisco Rodríguez Sánchez e interpretada polo Grupo de Teatro da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol, é unha cenificación de textos de Rosalía de Castro, a través da que o público pode acceder de xeito ameno a súa magnífica obra, tantas veces silenciada e acochada.

Rosalía de Castro é un dos nosos clásicos e como tal merece ser sempre coñecida e desfrutada e máis neste ano en que o seu poemario “Cantares Gallegos” fai 150 anos da súa publicación que revolucionou para sempre a nosa historia cultural.

Actuación da Coral e da Banda de Música

Ao remate da representación teatral, a Coral da Asociación Solfa interpretará cancións do seu repertorio, entre as que destacamos, pola sua conexión con esta obra, unha versión do Negra Sombra e outra das Campanas de Bastabales ambas basadas nos coñecidísimos poemas de Rosalía de Castro. Para rematar, actuará a Banda de Música de Solfa que interpretará distintas pezas. Podedes descargar o programa completo da semana cultural Solfa

Agradecementos

Queremos agradecerlle á Asociación Cultural e Musical Solfa que nos abrira as portas da sua semana cultural e incluira esta obra de teatro dentro da programación

Agradecemoslle á Sociedade Cultural Medulio por ofrecerse desinteresadamente a realizar esta representación, e por manter o seu compromiso con nós tras a suspensión por motivos técnicos da anterior que tiñamos programada.

E tamén agradecemos a Ismael Calvo de Ovo Publicidade a cesión gratuita da imaxe de Rosalía de Castro que ilustra o cartaz, deseñada orixinalmente para o Concello de Pontevedra