Xul 112013
 2013-07-11T14:11:22+00:00

Alba de Gloria no Pico SacroUn ano máis como xesto de denuncia da estratexia de destrución cultural que estamos a sufrir diante da ofensiva españolizadora do actual goberno da Xunta e do Estado, a federación de asociacións culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 20 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA no Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.

Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o “Alba de gloria”, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.

O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura ao Alba de Gloria. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata”.
Durante os estas actividades haberá actuacións poético-musicais coa colaboración especial de Mini e Mero.

Podedes anotarvos ao xantar co seguinte formulario: