Ago 122013
 2013-08-12T09:35:37+00:00

O vindeiro luns 19 de agosto, ás 12.30h na Rua do Vilar 15, entidades sociais, culturais e políticas renderemos homenaxe a Ánxel Casal, activista cultural, editor e primeiro alcalde nacionalista de Santiago de Compostela, cuxo corpo sen vida apareceu o 19 de agosto de 1936 nun foxo da estrada de Cacheiras xunto tras ser detido o 4 de agosto na parroquia de Vilantime, Arzúa, polos fascistas españois sublevados contra a República

Homenaxe a Ánxel Casal

Ánxel Casal, comprometido coa cultura galega

Cumprense 77 anos do asasinato de Ánxel Casal, quen participou, desde a súa fundación o 17 de maio de 1916, das Irmandades da Fala, como atestigua o primeiro número de A Nosa Terra como boletín das Irmandades (14/11/1916), no que Ánxel Casal aparece na lista de redactores e colaboradores. Destaca como activista cultural, aparecendo no 1917 como un dos subscritores para erguer un mausoleo no cemiterio de Carral en honor aos Mártires da Liberdade, e no 1918 como un dos asinantes do Manifesto de Lugo, o manifesto fundacional do nacionalismo galego. Tivo tamén moita importancia no proxecto de Escolas do Insiño Galego, iniciativa da que foi un dos primeiros socios protectores e da que se faría cargo en 1924. Foi este o ano en que comeza cunha das actividades culturais polas que gañou boa parte da súa sona, a labor editorial, creando a editorial Lar xunto con Leandro Carré Alvarellos, bibliotecario das Irmandades. Fundará, tras deixar en mans de Carré a editorial Lar en 1927, a editorial Nós que se fai cargo das publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

En 1936 é elixido alcalde de Santiago, deputado provincial e vicepresidente da Deputación da Coruña. Tamén vicepresidente do Comité Central da Autonomía de Galicia e presidente do seu Comité Executivo. O 17 de xullo participou na entrega do Estatuto de Galicia ao presidente do Congreso, logo de ser recibidos en audiencia polo presidente da República. Acabado de chegar a Santiago o 20 de xullo, e diante dos graves sucesos derivados do golpe de estado do día 18, fíxose cargo de novo da alcaldía a petición do comité de defensa que formaran o día 19 os partidos e sindicatos locais. O mesmo día 20, ás 12 da noite, a autoridade militar obrigouno a ceder o mando. Ánxel Casal refuxiouse na aldea natal de Vilantime (Arzúa). Alí foi detido o 4 de agosto e conducido á cadea de Santiago, chea de presos republicanos, entre eles o seu amigo e camarada Camilo Díaz Baliño, quen debuxou a lapis o retrato de Casal e doutros compañeiros. O 8 de agosto declarou como testemuña no proceso aberto contra os membros do comité de defensa e a noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado nunha curva de Cacheiras, perto do cemiterio de Teo, nos arredores de Santiago

Ánxel Casal, asasinado polo franquismo

Como se relata no libro “La escuadra la mandan los cabos”, do ponteareán Manuel Domínguez Benavides

Los falangistas “pasearon” al alcalde (Ánxel Casal), al pintor Camilo Díaz, a un hijo del ex teniente alcalde Pasin, al republicano Sixto, al militante comunista Areosa, a los hermanos Morones, a este, al otro y al de más allá. Cometieron los asesinatos, que ordenaba el teniente Quesada, un hijo del farmacéutico Gómez Ulla, un hijo de la familia Marras y el procurador Solla. No les bastaron los vivos y profanaron las tumbas; a golpes de pico rompieron la caja mortuoria que guardaban los restos del sabio profesor Novoa Santos y aventaron sus cenizas.

Este relato concorda co relatado por Conrado Alén (seudónimo que usou Seoane ata que a súa dona Maruxa Fernández non puido saír de Galiza)

Seoane engade que pouco despois, nas tabernas de Santiago “el asesino, el procurador Solla, absolutamente borracho, se vanagloriaba de esa hazaña y relataba a sus amigos de francachela cómo antes de morir, Casal y Areosa le habían rogado por la vida y cómo él no tuvo piedad de ellos”.

Máis información sobre Ánxel Casal

Anxel Casal, un editor para un país no Consello da Cultura Galega

Os libros de Ánxel Casal no blogue de Xabier Iglesias

Ficha de Ánxel Casal no Proxecto Nomes E Voces

Ficha de Ánxel Casal na Wikipedia