Set 042013
 2013-09-04T11:11:32+00:00

Despois de varios anos de intenso traballo, a Fundación Manuel María vén de anunciar a inauguración da Casa Museo Manuel María para este sábado 7 setembro. Desde a Agrupación Cultural O Galo queremos saudar a apertura deste novo punto de referencia para a cultura galega e animar á cidadanía de Santiago de Compostela a visitala

Casa Museo Manuel María

A inauguración farase cunha serie de actos en Outeiro de Rei, lugar no que a casa natal de Manuel María foi acondicionada para converterse en Casa Museo.

A xornada comezará ás 11.30h cun acto institucional de inauguración, para continuar ás 12.30h coa primeira visita guiada á Casa Museo Manuel María. Xa ás 14h haberá un xantar popular na carballeira de Santa Isabel, animado polo grupo musical “Os Minhotos”. E a partir das 17.30h un grande concerto e recital poético, no que as actuacións musicais de Fuxan os Ventos, Miro Casabella, Uxía, María Manuela, Berrogüetto e Roi Casal se intercalarán coa lectura de poemas por parte de Bernardino Graña, Pilar Pallarés, Marica Campo, Fernán Vello, Méndez Ferrín e Luz Pozo; coa engádega da maxia do Mago Antón e a animación de Xurxo Souto.

A nosa asociación leva colabarando coa Fundación Manuel María desde hai varios anos, coa presentación do libro “Galiza”, en decembro de 2010, ou coa máis recente presentación da obra multi-media “Os lonxes do Solpor”, poemario inédito de Manuel María, acompañado do CD “Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María” e do DVD “De amor e cantería”, que foi presentado en novembro do ano pasado, cun fermoso acto na Biblioteca Ánxel Casal.

Se non vos animades a pasar o día da inauguración, ide facendo un oco na vosa axenda para visitar a Casa Museo Manuel María. Desde a agrupación cultural O Galo organizaremos máis adiante unha xornada de visita, se queredes estar informados para apuntarvos, subscribídevos ao noso boletín dixital e enviaremos periódicamente ao voso correo electrónico as actividades que organizamos