Set 162013
 2013-09-16T12:30:42+00:00

Roteiro reivindicativo no Monte PindoO Monte Pindo é un dos montes máis coñecidos e emblemáticos de Galiza, co seu cumio de 627 metros de altura xusto á beira do mar, coas súas rochas graníticas de cores rosadas contrastando co verde das árbores, co branco da area da praia de Carnota e co azul do ceo e do mar. Centos de especies naturais protexidas e únicas, habitaban este espazo catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria e Rede Natura 2000. Séculos de historia repousan nas suas ladeiras, nas que inmensos bolos de granito, algúns con forma humana, comparten espazo con numerosos restos arqueolóxicos, como petroglifos, ferramentas da Idade do Bronce, ruinas de castelos e ermidas medievais, constituindo a base material para unha tradición oral chea de deidades, tesouros, esculturas feitas por xigantes, monstros, princesas fermosas e roteiros segredos. Non foi logo por casualidade os historiadores románticos lle puxeron ao Monte Pindo o sobrenome de “O Olimpo Celta“.

Xa en setembro do ano 2010 a Asociación Ecoloxista ADEGA lanzou a proposta de creación do Parque Natural do Monte Pindo, que foi acollida con moito interese pola propia veciñanza da Costa da Morte, xurdindo así a  Asociación Monte Pindo Parque Natural que vén defendendo a necesidade de cambiar o grao de protección deste entorno, para convertilo nun Parque Natural, a única figura legal que obriga ás administracións a adicar fondos específicos ao estudo e conservación dese paraxe, e que axudaría a evitar ameazas como as incursións en veículos motorizados.

Monte Pindo queimadoPero o pasado día 11 de setembro deste ano 2013, declarouse un incendio forestal que arrasou máis de 2000 hectáreas deste paraxe natural. A pesar dos avisos da veciñanza, das distintas iniciativas sociais e culturais para pór en valor este espazo, un só foco incendiario prendido un día cun fortísimo nordés nun punto de difícil acceso e xusto á hora en que os medios aéreos deixan de ser efectivos, foi abondo para arrasar o Monte Pîndo e pór en perigo a vida da veciñanza de varias aldeas e vilas da Costa da Morte. Á dereita podedes ver unha imaxe de satélite posterior ao incendio.

O Galo fleta un bus para ir ao Monte Pindo

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, ademáis de denunciar o desleixo institucional que conduciu a esta nova desgraza, convoca á cidadanía a facer unha marcha verde ao Monte Pindo o vindeiro sábado 28 de setembro que partirá ás 11 da mañá de tres puntos distintos para formar tres columnas que axuden a borrar a negrura dos incendios e a coller máis forza para que, agora con máis razóns que nunca, se proceda á declaración de Parque Natural

Desde O Galo queremos animar á cidadanía compostelá a sumarse a este roteiro reivindicativo ao Monte Pindo, para o que estamos organizando un transporte colectivo desde Santiago de Compostela que sirva para abaratar custes e reducir o impacto ambiental do noso transporte. Sairemos ás 9 da mañá e regresaremos a media tarde, polo que será necesario que levar algo para comer despois de realizar a ascensión ata o Alto da Moa.

Se queredes apuntarvos, cubride o seguinte formulario. E lembrade traer unha prenda de cor verde!

PECHADO O PRAZO DE INSCRICIÓN