Set 282013
 2013-09-28T22:32:04+00:00

Exposición do Carrabouxo no CSC de FontiñasA Agrupación Cultural O Galo organiza a chegada a Compostela da exposición itinerante ‘Carrabouxo Non Publicados’, que se fai con motivo da celebración dos 30 anos do Carrabouxo.

Poderá verse no CSC das Fontiñas, para o que contamos coa colaboración da Asociación Cultural e Musical Solfa, desde o 1 ata o 18 de outubro, inaugurándose o mércores 2 de outubro ás 19.30h nun acto no que se proxectará un audiovisual sobre este famoso personaxe e que contará coa presenza do seu autor, Xosé Lois González. A entrada tanto ao acto inaugural como á mostra é libre e de balde.

Quen é O Carrabouxo?

O Carrabouxo é un personaxe de ficción creado polo humorista Xosé Lois González Vázquez en novembro de 1982 e que desde aquelas se publica diariamente no xornal La Región. Cunha grande retranca e con inxeniosos xogos de palabras, cada día disecciona a actualidade social, destacando o seu compromiso coa lingua, cultura e colectivos sociais galegos.

No ano 2000, este personaxe foi levado á grande pantalla da man de Lhosca Arias, quen realizou unha serie de animación de 26 capítulos dun minuto de duración cada un nos que se exploran as paixóns da personaxe: o viño, as motos e os cartos

Ao cumprir os 30 anos, a Agrupación Cultural Auriense organizou esta exposición itinerante que recolle debuxos do Carrabouxo non publicados no seu día debido á liña editorial do xornal que o publica, e que se poden ver grazas á mostra que agora chega á nosa cidade.

Quen é o autor d’O Carrabouxo?

O autor da personaxe, Xosé Lois González Vázquez é un debuxante galego que naceu en Ourense en 1949. A súa familia era de Osmo (Cenlle) e alí pasou a súa infancia, ata que aos dez anos muda para Chantada. Estudou na universidade laboral de Zamora e logo fixo a carreira de telecomunicacións en Alcalá de Henares e en Madrid, en 1968. Traballou como xefe provincial de Telecomunicacións en Ourense ata a súa xubilación en 2009, labor que compartía coa súa faceta de humorista gráfico. Foi membro da directiva da Agrupación Cultural Auriense e presidente deste colectivo durante 13 anos.

Colabora con regularidade nos xornais La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo e tamén na revista Tempos Novos e o semanario Sermos Galiza, onde publica viñetas de humor sobre temas de actualidade

Participou tamén en publicacións colectivas, entre estas: Humor gráfico galegoOs humoristas e a lingua ou Humor y toleranciaFrom Galicia whit humorVisto para sentencia-vamos a reirnos muy en serio del racismo-europa se rie del racismo, e tamén nas publicacións da Bienal da caricatura de Ourense e na mostra internacional portuguesa Humorgrafe.

Recibiu a Medalla Castelao en 2008 e o premio Bo e Xeneroso 2013 da AELG

O Carrabouxo seguirá de xira

Despois desta exposición no Centro Sociocultural das Fontiñas, O Carrabouxo continuará en Santiago de Compostela visitando outros espazos culturais durante os meses de outubro, novembro e decembro. Despois, continuará a súa marcha por outras cidades de Galiza