Out 262013
 2013-10-26T14:35:05+00:00

O Carrabouxo vai de viñosDesde o próximo martes 29 de outubro, O Carrabouxo continuará o seu percorrido por Santiago de Compostela facendo unha das cousas das que máis gosta: tomar uns viños.

Será no Vide Vide, o espazo enocultural de Santiago de Compostela, onde xa o esperan coas botellas abertas para recibilo como se merece: cun bo grolo dun dos viños galegos que tanto aprecia.

E é que O Carrabouxo quedou con sede despois do seu paso polo CSC das Fontiñas, onde estivo todo este principio de mes, e quere aproveitar a súa visita para tomar uns viños en Santiago de Compostela.

Se aínda non sabedes quen é O Carrabouxo, podedes pasar polo artigo onde informábamos da exposición nas Fontiñas. Aí atoparedes máis información sobre este personaxe e tamén sobre o seu autor.

Eno-inauguración

O Xoves 31 ás 20h faremos un pequeno acto de benvida para O Carrabouxo no que poderemos degustar un dos viños galegos dos que dispón este establecemento. Estades convidadas!

Proxección do audiovisual

Durante a estancia do Carrabouxo nesta viñoteca, tamén proxectaremos o audiovisual realizado a partir de varias das suas viñetas. Para mantervos informados das actividades que realizamos, sempre recomendamos que vos subscribades ao noso boletín virtual. Tamén daremos noticia através das diferentes redes sociais nas que temos presenza

E O Carrabouxo seguirá en Compostela!

Ata finais de decembro, continuaremos levando esta exposición por distintas zonas da cidade. Se formas parte dunha asociación veciñal ou cultural ou sabes dun espazo onde poder expor estas viñetas censuradas, ponte en contacto con nós e veremos o que podemos facer.