Nov 042013
 2013-11-04T11:32:13+01:00

O sábado 9 de novembro ás 10.30 da mañá partiremos desde a Praza de Cervantes nun roteiro pola lírica medieval galego-portuguesa en Santiago de Compostela

roteiro lírica medieval

Trátase do mesmo roteiro que organizamos en xaneiro deste ano e que, como podedes ver a continuación, realizamos no medio dun temporal que impediu a moita xente poder asistir. Faremos un apaixonante roteiro polo principal centro cultural e político da idade media, percorrendo os espazos nos que viviron, trobaron ou dos que falaron nas súas cantigas trobadores como Airas Nunes, Pedro Amigo, Airas Fernándes, Pero da Ponte, Bernal de Bonaval, Joam Vásquez, Fernando Esquio, Joam Airas, Pai Gómez, Pero García…

Novidades deste roteiro pola lírica medieval

Son dúas as novidades nesta edición do roteiro pola lírica medieval: a primeira, a participación da coñecida medievalista brasileira Yara Franteschi Vieira, profesora catedrática de Literatura Portuguesa no Departamento de Teoria Literária, Instituto de Estudos da Linguagem, da Universidade Estadual de Campinas.

Yara Franteschi é co-autora, xunto cos profesores da Universidade de Santiago de Compostela José Antonio Souto Cabo e Isabel Morán Cabanas, do libro O amor que eu levei de Santiago, no que se basea o roteiro que realizaremos. Conseguimos, por tanto, reunir ao conxunto de autores deste libro.

Música inspirada na lírica medieval

A segunda novidade desta edición consiste na participación do Grupo de Música Antiga 1500, que amenizará o final do roteiro cunha actuación musical no Espazo Enocultural Vide Vide á partir das 13h.