Dec 012013
 2013-12-01T13:48:29+00:00

Organizamos a presentación do libro ‘Retallos daquela infancia’ o xoves 12 de decembro ás 20.30h no Espazo Enocultural Vide, Vide!, para o que contaremos coa presenza do seu autor, Bautista Álvarez, xunto coa de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e de Manuel Bragado, Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia.

É un acto público e gratuíto, polo que está todo o mundo convidado a asistir

Convite retallos daquela infancia

Retallos daquela infancia

Así presenta o libro a editorial xerais na súa páxina web

Bautista Álvarez, membro da xeración Brais Pinto e veterano político nacionalista, recolle neste seu primeiro libro de narrativa, que confesa “anda cerca das memorias”, un monllo de relatos ambientados nos anos da súa infancia nas terras natais de Las, Eiras e Loucía, no concello ourensán de San Amaro. Acontecementos relevantes daquela comunidade aldeá dos anos trinta e corenta recuperados do esquecemento con memoria fotográfica e relatados con pulsión inequivocamente literaria, non exenta de retranca, intriga e doses de tenrura. O cadáver dun mozo acoitelado, atopado na Telleira, xusto no lindeiro que separa a parroquia de Eiras da de Las, do que nunca se soubo a súa identidade. A procesión do santo Antonio de Las que tras os primeiros foguetes rematou en delirio colectivo e con san Roque feito un espantallo. Os amores do cabalo Mourego e a mula do Hixinio, que chegaron a compartir a morte. As lembranzas da escola de Andrade, de mestres de Falange como don Gabino, na que a mellor disciplina era o recreo e na que todos os días antes de saír pola tarde os alumnos tiñan que cantar o Cara al sol e o Oriamendi. A historia de Severo, o frustrado estudante de medicina polo que degoiraban as mulleres. Ou aqueloutra tan noxenta de Gaudesio, o carniceiro de Figueroa, o vingador de roxos, responsable de tantas mortes e outras atrocidades… Escritos con vontade literaria, utilizando unha lingua de raíz popular, estes retratos e relatos populares de Bautista Álvarez emparentan con páxinas de Ánxel Fole, Castelao e outros autores da tradición do mellor relato galego do século XX.