Mar 112014
 2014-03-11T10:56:05+00:00

O sábado 15 ás 12h no CSC de Conxo, teremos un Encontro de Creación Literaria con Paco Castro Alvaredo, autor da novela ‘Nunha presa de Terra’.

Desde principio de curso, a A.C. O Galo organiza un Obradoiro de Creación Literaria en distintos centros socioculturais de Santiago de Compostela, aos que se lle suman os que comezamos esta semana, o xoves de 18 a 19h na libraría Couceiro e o venres de 17 a 18h na libraría Pedreira, nun formato máis reducido en tempo e tamén en contidos. Con estes obradoiros a nosa asociación pretende axudar a conseguir que vaian xurdindo novas fornadas de escritoras e escritores en lingua galega, e consideramos clave para acadar ese obxectivo o contacto directo con escritores e escritoras que xa publicaron e que están dispostas a compartir as súas experiencias con aqueles que aínda non o fixeron.

Encontro con Paco Castro

Paco Castro Alvaredo, alumno aventaxado

Dase a casualidade, que non causalidade, de que Paco Castro foi alumno da primeira edición do obradoiro de creación literaria que impartiu O Galo o curso pasado.

Decimos isto de casualidade e non causalidade porque daquelas xa tiña escrita a novela e estaba en proceso de aceptación pola editorial, pero transmitímosvos ese dato, ademáis de para sacar peito, para que comprendades que é unha persoa que ten moi recente este proceso, ás veces longo e algo desesperante, de conseguir publicar a primeira novela.

Tamén nos parece unha persoa idónea para este primeiro encontro, polo feito de levar moitos anos, desde a adolescencia, escribindo pequenos relatos, contos… e incluso cancións para o Coro da Asociación Cultural e Musical Solfa, da que é socio, presentándose a certames e premios literarios, sen perder a ilusión e as ganas de escribir, de contar historias, ata conseguir publicar a novela que quería.

Acto aberto e gratuito

A pesar de que o principal destinatario deste encontro é o actual alumnado dos distintos grupos do noso Obradoiro de Creación Literaria, este acto é aberto e gratuito e calquera persoa interesada na escritura pode acudir e participar nel. Vémonos o sábado ás 12h no CSC de Conxo!