Abr 032014
 2014-04-03T13:09:23+00:00

O sábado 26 de abril ás 12h, no Auditorio do CSC de Conxo, Suso de Toro participará nunha conferencia sobre creación literaria organizada pola nosa asociación.

Continuamos así ofrecendo ao alumnado dos distintos grupos do noso obradoiro de creación literaria a posibilidade de intercambiar opinións con escritores e escritoras con obra xa publicada, que poidan transmitir a súa experiencia a toda a xente interesada en crear e contar historias.

Creación Literaria con Suso de Toro

Suso de Toro colabora co Obradoiro de Creación Literaria

Este coñecido e recoñecido autor compostelán, con máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensaio publicados en galego, moitos deles despois traducidos a varias linguas e incluso obxecto de estudo en distintas universidades europeas, falará da súa experiencia de máis de dezaseis anos como escritor profesional, guionista de televisión, colaborador habitual en prensa e radio e demáis actividades nas que destacou pola súa creatividade e o seu estilo diferenciado, despois de transcorridos outros catro desde a súa retirada e reincorporación á docencia como profesor de lingua e literatura galega no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Desde xeito, Suso de Toro únese ao grupo de escritores e escritoras que colaboran desinteresadamente co noso obradoiro de creación literaria dispostos a partillar as suas experiencias no mundo da escrita e a axudar a superar obstáculos comúns tanto á hora de escribir unha novela como á hora de publicala.

Encontro aberto e gratuito

Esta actividade, aínda que está pensada para complementar a formación do alumnado do obradoiro de creación literaria, é aberta a todo o público interesado e é totalmente gratuita. Queda todo o mundo convidado. Lembrade, o sábado 26 de Abril, ás 12 horas, no Auditorio do CSC de Conxo

E pronto haberá máis

Ata o mes de xuño continuaremos organizando conferencias e coloquios sobre o mundo da creación literaria. Se tedes interese e queredes mantervos ao día das nosas actividades, cubride o formulario de subscrición ao noso boletín dixital e enviarémosvos un correo con todas elas.