Mai 122014
 2014-05-12T11:16:00+00:00

A Agrupación Cultural O Galo, como entidade fundadora da Plataforma Cidadá Queremos Galego, quere chamar á cidadanía compostelá a dar un paso adiante polo galego participando na concentración convocada ás 12 da mañá do sábado 17 de maio na Porta Faxeira de Compostela.

un paso adiante

Un paso adiante contra a represión

Este ano, a pesar de estar aínda en marcha os procesos represivos, que mediante multas e sancións buscan criminalizar e meter medo aos defensores do galego, a Plataforma Queremos Galego multiplica por 8 as mobilizacións polo Día das Letras Galegas,  nas sete principais cidades e Foz. Tamén seguen adiante os recursos xudiciais contra estas medidas represivas, que consisten en asignar aos organizadores de distintas manifestacións os mesmos desperfectos pre-existentes.

Un paso adiante polo galego

Todos os avances das forzas emancipadoras da humanidade  foron sempre na dirección de combater a exclusión social. Agora, na tan amentada crise, denúnciase decote o aumento dos excluídos. Mais nós, galegas e galegos, levamos moito tempo vivindo unha crise particular que non é filla conxuntural da que din que se desatou hai sete anos. A nosa crise ten outros nomes e apelidos: son o noso dereito a existir como tales, a traballar na nosa terra e a facermos uso libre e estendido da nosa lingua, os que están sendo vulnerados. A ela, á nosa lingua, foille imposto historicamente un manual de redución. A que a reduciron? Reducírona á oralidade, á fala; reducírona a unha clase social, os oprimidos carentes de todo poder de decisión; reducírona a uns lugares, as aldeas; reducírona a unha idade, os vellos.

Podes ler na páxina de Queremos Galego o manifesto completo

Un paso adiante, tamén en vídeo

Podedes ver aquí un pequeno video amateur realizado por activistas voluntarios de Queremos Galego, co que pretendemos animar á participación nesta xeira de mobilizacións pola nosa lingua

Contamos contigo, o Sábado 17 de maio ás 12h na Porta Faxeira de Compostela