Mai 152014
 2014-05-15T11:55:12+00:00

Este ano 2014 celebramos o Día da Bretaña, San Erwan ou Saint Ives, o domingo 18 de maio entre as 18h e as 21h no espazo cultural da Nave de Vidán en Santiago de Compostela cun Fest-noz, encontro con danzas tradicionais, unha especie de foliada pero de outra nación atlántica europea. Descubriremos a cultura bretoa a través da música, do baile e probaremos doces típicos acompañados de sidra tradicional.

Fest-noz San Erwan 2014

Poderémonos achegar á danza tradicional bretoa nun obradoiro a cargo de Suso Cancelas, da asociación Monteira Danzas do Mundo de Vigo, e do frautista bretón Pierrot Rougier, co que coñeceremos os principais bailes (hanter-dro gavotte, andro, laridé, scottish, etc…).

Continuamos cun Fest-noz , grande festa comunitaria con inmensas rodas ou bailes en parella acompañada dos grupos composteláns Ar Re Demo , Trio Auel, e Carricobanda. Interpretarán temas tan diversos como Gavotte, Plinn, Ridées à six temps, Mazurca, Hanter Dro, Scottish, Bourrée, Circulo circasiano , Gavotte, Vals, Suite de Loudéac, Cercle Circassien, An dro, Rond de Saint Vincent.

Teredes tamén a oportunidade de probar a gastronomía bretoa coa degustación de doces tradicionais como o Far Bretón acompañada de sidra.

Será unha forma divertida de descubrir a cultura deste pobo con quen Galiza ten un relacionamento moi estreito desde hai tantos séculos xa.

A entrada será de 3€ para adult@s, gratis para nen@s.

Fest-noz polo Día da Bretaña 2013

O ano pasado xa organizamos outro Fest-noz polo San Erwan e pasámolo moi ben, polo que quixemos repetir este ano. Nesta páxina podes atopar unha breve crónica do mesmo acompañada con fotos e vídeo.