Visita guiada ao CGAC

 Posted by at 15:00 on 16/05/2014  Actividades, Arte, Roteiros
Mai 162014
 2014-05-16T15:00:33+00:00

A Agrupación Cultural O Galo organiza unha visita guiada ás exposicións do CGAC o vindeiro sábado 24 de Maio ás 11.45h

visita guiada cgac

Chelo Matesanz. As miñas cousas en observación

Esta exposición é un pertinente recoñecemento a unha das artistas máis singulares da súa xeración, Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964) —desde hai moitos anos vinculada persoal e profesionalmente a Galiza—, partindo dos seus traballos de finais da década dos oitenta até os máis recentes.

Visualízase o intenso proceso reflexivo que vén desenvolvendo ao redor da práctica artística, investigando e cuestionando as bases mesmas da historiografía e desmontando modelos hexemónicos que definen a noción de arte na modernidade: categorías, xéneros, habilidades técnicas e conceptos como xenialidade e orixinalidade, entre outros. Asemade, Chelo Matesanz foi quen de construír unha cartografía, ampla e persoal, con diferentes linguaxes e soportes que tecen unha pluralidade de temáticas, subvertidas ironicamente desde o humor e a crítica.

Cen anos con Alejandro de la Sota

Transcorridos cen anos desde o nacemento de Alejandro de la Sota (Pontevedra 1913 – Madrid 1996), o CGAC acolle unha exposición organizada pola Fundación ICO en colaboración coa Fundación Alejandro de la Sota, na que se reflexiona sobre a súa figura, a súa obra, o seu maxisterio e, o que parece máis pertinente, sobre a actualidade do seu legado.

Alejandro de la Sota é probablemente o arquitecto moderno que máis paixóns levantou no estado español. Á súa figura mítica de arquitecto cunha firme posición ética ante a profesión e un discurso lóxico e directo, hai que sumarlle unha das traxectorias máis intensas e coherentes da historia recente da arquitectura.

Inscríbete

A visita estará guiada por personal do CGAC e será totalmente gratuita. Está limitada a un máximo de vinte persoas, polo que é necesario facer reserva de praza. O xoves 22 pecharemos a inscrición e comunicaremos via correo electrónico se hai prazas para toda a xente que se inscribiu. Como sempre, socias e socios do Galo teñen preferencia na reserva, ordenando posteriormente por data e hora de reserva.

Cubre o seguinte formulario para inscribirte nesta visita guiada. Pódeste inscribir, ao mesmo tempo, á visita á obra cerámica de Isaac Díaz Pardo.

INSCRICIÓN PECHADA – PRAZAS ESGOTADAS