Xuñ 032014
 2014-06-03T11:06:00+00:00

O venres 13 de xuño ás 18h na Libraría Couceiro, Marica Campo participará nunha conferencia sobre creación literaria organizada pola nosa asociación.

Deste xeito, continuamos axudando a toda a xente interesada en crear e contar historias a atopar espazos de interlocución con autores e autoras con obra xa publicada, que poidan transmitir a súa experiencia, e con outras persoas que compartan o interese pola literatura e a escritura creativa

Marica Campo

Marica Campo colabora co Obradoiro de Creación Literaria

Marica Campo, con experiencia e obra publicada en poesía, narrativa, teatro e literatura infanto-xuvenil, ademáis dunha prolífica participación en obras colectivas e ensaios, ten sona, ademáis, de ser unha magnífica conferenciante e unha persoa comprometida sempre disposta a colaborar con aquelas causas que o merecen. Desde O Galo queremos exprimir esta potente combinación de coñecementos e habelencias para acadar o obxectivo fundamental que nos plantexamos: fomentar a creación cultural galega, axudar a que novas persoas escriban e publiquen en galego.

Marica Campo únese ao crecente grupo de escritores e escritoras que colaboran desinteresadamente co noso obradoiro de creación literaria, dispostas a partillar as suas experiencias no mundo da escrita e a axudar a superar obstáculos comúns tanto á hora de escribir unha novela como á hora de publicala.

Encontro aberto e gratuito

Esta actividade é aberta e totalmente gratuita, aínda que ten preferencia o alumnado do obradoiro de creación literaria. Queda todo o mundo convidado. Lembrade, o venres 13 de xuño, ás 18 horas, na libraría Couceiro

E finalizamos o obradoiro

Con esta conferencia, pechamos as colaboracións de autores por este curso, aínda que non descartamos que poida haber algunha outra conferencia sorpresa. Se non queredes perdervos as nosas actividades, ou tedes interese en inscribirvos no Obradoiro para o próximo curso, cubride o formulario de subscrición e enviarémosvos un correo, de periodicidade variábel, con información do que imos facendo.