Out 142014
 2014-10-14T11:20:41+00:00

O Espazo Enocultural Vide-Vide de Santiago (Rúa Fonte de Santo Antonio, 10), acollerá o martes 28 ás 20h, a presentación do libro de Lois Diéguez, con fotografías de Xulio Gil, Lugo, a cidade dos tesouros encantados.

Organizado por Engaiolarte Edicións e a Agrupación Cultural O Galo, o evento inclúe a proxección dun vídeo que introduce ao espectador na proposta literaria e visual desta obra, que aposta por un novo xeito de entrar na realidade da cidade, percorrendo as súas rúas e deténdose na descuberta de tesouros que só aparecen á vista do espectador e o visitante atento.

Presentación Lugo

En palabras de Felipe Senén, “Lois Diéguez réndelle homenaxe a Lugo, ás súas paisaxes e paisanaxes, ao escenario e os autores e actores. Como un novo e ilustrado Ciprianillo feito á medida de Lugo, complementado con fotografía de Xulio Gil, con cartografía e incluso con plano dos tesouros da cidade. Primeiro fala a chuvia, señora que fai reverdecer o antigo bosque de Lugh, coroado polo que foi castro dos copori e campamento romano a vixiar o Miño, derriba da fonte calda das termas, cidade con orixe no legado fundador Paulo Fabio Máximo. A brétema serviranos de cicerone para furar polo anel, entrar no couto, nun nimbo de Historia, na arqueoloxía de templos pagáns, de solemnes domus, e sobre elas o trepar do tempo: a nula ou moita ilustración municipal, os pazos, as casas humildes, as tabernas, as tendas, os cafés, parladoiros nos que se filosofa e escoitaba, o Circulo das Artes… Lousas sobre as que se presenten os pasos de Pimentel, de Fole, do Cilistro, Isidro Novo, Vázquez Seixas, Trapero Pardo… e sempre o paso pousón e a verba solemne do sobriño do párroco de San Froilán, Manuel María… e Paco Martín e o seu Ramón Lamote”.

No acto, estarán presentes o fotógrafo Xulio Gil, o editor Xan Carballa e Mónica Places (da directiva da A.C. O Galo), e Lois Diéguez, quen tamén conducirá as lecturas representadas de diferentes partes do seu texto. Esta “representación” contará coa participación de Xerardo Rodríguez Roca, Francisco Castro Alvaredo, Beatriz Guerra García, Marisol Fernández Valado e Ana Belén Rodriguez Rodriguez

Podedes ver un trailer do libro aquí mesmo