Ciclo de curtas de Marisa Otero

 Posted by at 00:38 on 09/11/2014  Actividades, Arte, Cinema, Debates, Historia
Nov 092014
 2014-11-09T00:38:09+00:00

O Galo achega unha escolma de curtas de Marisa Otero á cidadanía de Santiago de Compostela, cun pequeno ciclo que terá lugar entre o venres 14 e o sábado 15 de novembro na Libraría Couceiro.

Curtas de Marisa Otero

O Venres 14 ás 19.30h comezaremos coa proxección da curtametraxe Cóntame como era, unha comedia musical de vinte minutos de duración, para continuar con dous dramas baseados en feitos históricos acontecidos na Galiza rural, Nebra, de dezaseis minutos de duración, e Xeira, de dez minutos.

O Sábado 14 ás 12.30h haberá unha sesión para todos os públicos, coa proxección de Gústame o café e Elia e o libro.

Ambas sesións serán presentadas pola propia autora, Marisa Otero, e ao final de cada unha haberá un pequeno coloquio coa mesma.

Características das curtas de Marisa Otero

Marisa Otero é profesora de Lingua e Literatura no IES García Barros d’A Estrada, ocupación que compaxina coa súa verdadeira paixón, a elaboración de curtas. De aí que as curtas de Marisa Otero gocen da frescura que lle imprime esta paixón xunto coa amizade e o voluntariado de actores, actrices, cámaras, posprodutores, e toda a equipa que fai posibeis, grazas á súa colaboración desinteresada, a elaboración destas curtametraxes.

Se pinchades no título de cada unha das curtas de Marisa Otero que se van proxectar, podedes descargar a ficha técnica da mesma na que figura a correspondente equipa.

De balde

A entrada é totalmente de balde, polo que estades todas convidadas a asistir a calquera das dúas sesións.