Nov 292014
 2014-11-29T21:25:21+00:00

Neste 2014 cúmprense 50 anos da fundación da Unión do Povo Galego e con este motivo a Fundación Bautista Álvarez e a Agrupación Cultural O Galo, coa colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, decidiron promover unha mostra arredor desas cinco décadas. A exposición, baixo o nome ‘A Nación galega en pé. 50 anos da fundación da Unión do Povo Galego’ inaugurarase o vindeiro martes, 2 de decembro ás 20.00h no salón do artesoado do Pazo de Fonseca en Compostela. O acto contará, entre outros, coa presenza dos presidentes da Fundación Bautista Álvarez, o propio Bautista Álvarez, e a presidenta de O Galo, María Antonia Pérez que é tamén a comisaria da exposición.

nacion galega en pe

Conforman a mostra oito paneis e oito expositores con imaxes e documentos orixinais mediante os que se poderá coñecer o desenvolvemento organizativo e o compromiso da UPG cos intereses do pobo galego. Nela ollaranse fotos, audiovisuais, carteis, revistas, libros, discos e publicacións varias que achegarán ao visitante aos primeiros anos de dita organización, a súa total implicación nas loitas contra a ditadura franquista así como outras moitas loitas sociais como o asolagamento das terras de Castrelo de Miño ou as expropiacións de Baldaio ou as Encrobas.

Tamén se poderá ver a través dos documentos e imaxes as relacións internacionais da UPG, a súa aposta por un sindicalismo nacionalista e de clase e os seus combates pola defensa dos dereitos das mulleres, da identidade nacional, cultura e lingua. Igualmente estará presente nesta mostra conmemorativa dos 50 anos da UPG, o temperán compromiso deste partido político coa salvagarda e explotación sostíbel do noso ecosistema (central nuclear de Xove, encoros, lume nos montes, etc.) e os pasos da súa actividade político-social (rexeitamento á entrada no Mercado Común Europeo, aos pactos da Moncloa, etc.) a prol das xentes mais desfavorecidas de Galiza. En resumo un repaso ás loitas que a UPG vén levando a cabo desde hai cincuenta anos no noso país.

A entrada á mostra será de balde e poderá visitarse ata o 3 de xaneiro do 2015 no horario habitual da sala de exposicións do Pazo de Fonseca. Así mesmo, a Fundación Bautista Álvarez e Agrupación Cultural O Galo, procurarán facilitar gratuitamente persoal para explicar a exposición a todos aqueles colectivos, asociacións ou pequenos grupos que lles soliciten realizar visitas guiadas.

Visita Guiada, 20 de Decembro

O sábado 20 de decembro ás 12h, tedes a posibilidade de realizar unha visita guiada á exposición pola propia comisaria da mostra. Inscribídevos cubrindo este formulario. Hai un máximo de 30 prazas pero de ser superadas organizaráse un segundo grupo que sairía a continuación do anterior

Nome:

Apelidos:

Correo electronico:

Tlf de contacto:

Se queres aproveitar para facernos un comentario, aquí podes facelo

Demostra que non es un robot: Escribe isto captcha aquí: