Xan 212015
 2015-01-21T08:44:03+00:00

A Agrupación Cultural O Galo organiza no CSC de Conxo a exposición “Coma silvas que comen muros” de Iván Merayo, que se poderá visitar entre o Sábado 31 de Xaneiro e o venres 20 de febreiro desde ano.

exposicion silvasComa silvas que comen muros

Este proxecto expositivo pretende rescatar unha historia, como moitas outras, silenciada. É a historia de Manuel Pérez Goyanes,  factor da compañía Ferrocarriles del Norte, de corenta anos de idade.

Aconteceu o tres de outubro de mil novecentos corenta e un, ás dez da mañá, no campo do Freixo de Monforte de Lemos. Accidentalmente Manuel Pérez Goyanes dirixiu un tren de mercadorías cara unha vía ocupada, provocando o choque do convoi. O accidente fortuíto saldouse unicamente con danos materiais, valorados en dezasete mil pesetas da época, sen ter que lamentar nen mortos nen feridos. Mais a frustración franquista, chea de desconfianzas e pantasmas, e alimentada por intereses particulares, quixo ver en Manuel un sabotador da resistencia á ditadura. O ferroviario foi convertido no bode expiatorio co que demostrar a dureza dun réxime ilexítimo. Un tribunal militar xulgouno por sabotaxe. Foi condenado a morte e fusilado.

A exposición está composta por trece imaxes panorámicas que parten dun campo desenfocado, da dificultade para pousar a mirada. Conxecturas dos derradeiros cheiros, do frío do condenado a morte. Instantáneas posíbeis dunha última ollada; da visión atropelada de alguén obrigado a se despedir ás présas. Lembranzas dunha morte indigna. Apenas ferruxe e confusión. No medio da confusión, uns pequenos puntos enfocados, a constatación da morte. E, como pano de fondo, un entorno decadente ciscado de malas herbas.

A vexetación, como a vida dunha persoa, pode ás veces chegar a ser indesexábel para algunha xente. Como a maleza.

Inauguración 31 de Xaneiro

O sábado 31 de xaneiro ás 12.30h no CSC de Conxo inauguraremos esta exposición coa compaña do autor da mesma, Iván Merayo.

É unha actividade aberta e gratuíta, polo que todo o mundo está convidado a asistir