Mar 092015
 2015-03-09T08:59:30+00:00

Lois Diéguez estará o vindeiro sábado 14 de marzo ás 12h na Libraría Couceiro para un encontro co alumnado do Obradoiro de Creación Literaria da Agrupación Cultural O Galo que será aberto a todas as persoas interesadas en mellorar a súa escrita e coñecer os pequenos trucos cos que autores e autoras coñecidas tecen as súas historias.

lois dieguez

Lois Diéguez colabora co Obradoiro de Creación Literaria

Lois Diéguez sorprendeu desde moi novo cunha prosa moi traballada e unha poesía moi combativa, pola que recibiu numerosos premios, como o Premio Blanco Amor de 1986 por A canción do vagamundo en novela ou os Xogos Florais da súa vila natal, Monforte de Lemos, na categoría de poesía. Ademáis é ou foi colaborador habitual de distintos xornais e revistas (A Nosa Terra, El Progreso, Terra e Tempo,…) e un grande activista e eficaz organizador en distintas asociacións e movementos sociais e políticos, sendo deputado do BN-PG na lexislatura 1981-1985 no Parlamento Galego, do que foi expulsado por negarse a xurar a constitución española. Actualmente Lóis Diéguez é presidente de LugoPatrimonio, unha asociación de defensa do noso Patrimonio material e inmaterial e do grupo poético Círculos Líticos.

Hai pouco estivo con nós presentando o seu último libro Lugo, a cidade dos tesouros encantados, nun acto no que o pasamos moi ben e que tamén foi un bo exemplo práctico de como organizar unha presentación novidosa e participativa que engada valor a unha obra escrita. Sen dúbida, da conferencia deste sábado teremos tamén moito que aprender.

Novos grupos no Obradoiro de Creación Literaria

Se realmente vos interesa a escrita creativa, a partir de abril teredes unha nova oportunidade de inscribirvos no Obradoiro de Creación Literaria do Galo, nunha edición de doce sesións nos meses de abril, maio e xuño, que vos permitirá introducirvos en distintas temáticas e modalidades de escritura. Subscribídevos ao noso boletín ou enviadenos un correo a creacionliteraria[*]acogalo.net para estar alerta dos días e horas que se ofertarán