Abr 142015
 2015-04-14T08:59:23+00:00

Este xoves 16 de abril colaboramos coa Asociación Ultreia LGTBI na organización do roteiro Amigos e Sodomitas, realizando un percorrido pola homosexualidade na Idade Media para o que contaremos coa guía de Carlos Callón. O roteiro terá a súa saída ás 19h na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa 7) e recorrerá as rúas da zona vella de Compostela descubrindo ás persoas asistentes historias coma a do santo popular Ataúlfo II, bispo de Iria Flavia, cuxa acusación de sodomía deu para unhas cantas reviravoltas ao longo dos séculos.

roteiro amigos e sodomitasA nosa peculiar Historia

Galiza, como nación diferenciada, acumula na súa experiencia histórica feitos como o matrimonio de Pedro Díaz e Muño Vandilaz, do que se conserva referencia documental e que sabemos aconteceu o 16 de abril do ano 1061, hai 954 anos, na parroquia de Santa María de Ordes, en Rairiz de Veiga.

Pero como é habitual que aconteza coa historia de Galiza, este feito singular está agochado á vista de todos, escrito nas pedras das nosas vilas e cidades, pero inexistente nos temarios de Historia de institutos e universidades.

É por iso que, como xa fixeramos hai catro anos, queiramos sair á rúa a descubrir a nosa propia historia, a ver in situ os lugares onde aconteceron as cousas, a imaxinar aquelas épocas, a nutrirnos de material para os nosos soños.

Auto-organización

Este roteiro está organizado pola Asociación Ultreia LGTBI, fundada en marzo deste ano 2015, e que se constitúe en referente fundamental para a normalización e visibilización da comunidade de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Compostela.

O Galo sempre considerou que a vía fundamental para a mellora das condicións sociais dos galegos e galegas é a vía da auto-organización, da creación de entidades que realicen as súas actividades con total independencia, sen someter a súa axenda a estruturas ou realidades sociais diferentes. É por iso que nos alegramos do nacemento de Ultreia LGTBI e lle desexamos unha vida tan longa como sexa necesaria para conquerir a causa xusta que impulsou a súa creación.

Acto aberto e gratuíto

O roteiro será gratuíto, dirixido a todo tipo de público e dunha hora de duración. Todas as persoas están convidadas a asistir.