Coloquio: Por unha lingua de calidade

 Posted by at 09:28 on 22/04/2015  Actividades, Debates, Língua
Abr 222015
 2015-04-22T09:28:58+00:00

O vindeiro mércores 29 de abril ás 20.30h na Libraría Pedreira organizamos un debate e coloquio “por unha lingua de calidade “. Neste debate contaremos coa participación de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Goretti Sanmartín Rei, Eduardo Sanches Maragoto e Carlos Callón, e estará moderado por Marcos Maceira.

cartaz lingua de calidade

Mellorar a calidade lingüística

As catro persoas participantes no debate escribiron libros para mellorar a calidade lingüística do galego segundo as coordenadas de nos achegarmos ao sistema a que pertencemos, o galego-portugués, mais aproveitando as oportunidades que ofrece a actual normativa consensuada. Deste xeito, Xosé Ramón Freixeiro Mato é autor de Lingua de calidade, Goretti Sanmartín é autora de Nos camiños do entusiasmo, Eduardo Maragoto escribiu Como ser reintegracionista sen que a familia saiba e Carlos Callón Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, libro que presentamos no Galo hai uns anos.

Para moderar este debate de grande nivel estará Marcos Maceira, expresidente d’O Galo ata hai ben pouco e actual presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

Camiño do Día das Letras Galegas

Como xa estamos camiño do Día das Letras Galegas, otorgado este ano a un franquista que non merece nen mención, imos dar cumprimento ao acordado nunha asamblea aberta na que participamos distintas asociacións de toda Galiza ao coñecerse quen ía ser o homenaxeado deste ano: ignoralo e adicar o traballo a conmemorar ao xenio creativo do pobo galego.

E por personificar ese xenio creativo en alguén, antes de comezar o debate descubriremos un cadro, da autoría do artista compostelán e socio do Galo Nolo Suárez, que se poderá ver no escaparate da Libraría Pedreira, ben acompañado de libros, ata xa pasado o día das letras galegas. A quen estará adicado? Achégate a comprobalo!

Acto aberto e gratuíto

O acto é totalmente aberto e gratuito, polo que nos aledará contar coa túa presenza e participación do debate