Mai 282015
 2015-05-28T12:34:12+00:00

A Agrupación Cultural O Galo e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, coa colaboración da Fundación Granell, organizan a presentación en Compostela do documental “I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos” o vindeiro mércores 3 de xuño ás 20.15h na sé da Fundación Granell na Praza do Toural. Contaremos coa intervención de Xoán Costa, presidente da AS-PG, e de Begoña Lorenzo, cantante do grupo Tempo 4, quen cantará un par de temas do seu disco adicado a Rosalía de Castro.

I ante aquel silencio mudoI Ante  aquel  silencio mudo.  Rosalía  e  Cantares  Gallegos

É o último traballo audiovisual producido pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Con el preténdese achegar a figura de Rosalía Castro e a súa obra, Cantares Gallegos, a todos os públicos, mediante unha linguaxe fílmica, unha música e unha análise moi actual e dinámica. A duración do documental é de 36’. O guión e dirección de Millán Castro e Marina Chiavegatto.  A banda sonora é do grupo Tempo 4, do disco Os ollos que falan, que presentamos o ano pasado, e do que poderemos escoitar un par de temas en directo na voz de Begoña Lorenzo.

I Ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos, descobre unha Rosalía comprometida e rebelde. Ofrece un xeito de ler a súa obra e a súa persoalidade contextualizado co tempo en que lle tocou viviu a nosa grande poeta, pero á vez unha lectura inserida na realidade actúal. É unha curtametraxe (36 minutos) na que poderemos ollar imaxes cunha grande carga expresiva e plástica, escoitarmos recitar a Pilar Pallarés, Lucía Aldao, Begoña Lorenzo, Xabier Campos, Fran Barcia e Marica Campo, a música de Tempo Catro. A voz en OFF de Mónica Pérez contextualiza e enmarca os comentarios de Pilar García Negro e Francisco Rodríguez, encarregados de derrubar os tópicos máis asentados sobre Rosalía e a súa obra.

Acto aberto e gratuíto

Como todas as actividades d’O Galo, é aberta a todos os públicos, gratuíta e participativa, pois ao final haberá tempo para un coloquio no que todas as persoas asistentes poderán falar. Contamos con vós!