Mai 302015
 2015-05-30T22:36:03+00:00

Este sábado 6 de xuño desde as 12h, Xurxo Souto participará nunha auténtica gala das letras que organizamos na Granxa do Xesto, no monte Pedroso, para despedir o obradoiro de creación literaria deste curso. Entregaremos o II Premio Kikiricontos, teremos un coloquio sobre creación literaria e remataremos cun xantar, con festa e foliada.

encontro Xurxo SoutoXurxo Souto, a mente creativa

Xurxo Souto o home das artes, o showman galego, filólogo, músico, cantante, locutor de radio, escritor, que lle queda por facer? Cinema, de seguro que calquera día o vemos dirixindo unha gran película.

O home que soupo tinguir de sal as verbas e mostrar todas as caras que amosa o mar, pero sempre quedándose coa boa; coas historias dos vellos mariñeiros das tabernas do berbés, dos seus veciños de A Coruña, das anécdotas que sempre acaban superando a realidade.

Xurxo Souto abrirá o cofre dos segredos da súa escrita, das fontes, das conversas coas musas,…e como a mestura dos elementos perfectamente definidos, coma as persoaxes, as voces narradoras, a historia ou do mesmo contexto consiguen a textura axeitada para converterse nun grande éxito: Fumareu, Contos da Coruña, Materia Prima, Contos do Mar de Irlanda, entre outros.

E as súas palabras estarán adornadas polas notas musicais do seu acordeón e da súa voz.

Romaría didáctica literaria

Ao rematar haberá un xantar no que vos podedes inscribir enviando un correo a creacionliteraria[en]acogalo.net antes do martes 2 de xuño. Levaremos instrumentos e faremos un pouco de festa á sombra de carballos e castiñeiros no alto da cidade. O acto está orientado ao alumnado do obradoiro de creación literaria, pero é aberto e gratuito (excepto o xantar, que son 10€). Así que se queredes pasar unha xornada ao ar libre, falando de literatura (e todo o que vos queirades), desfrutando da música e da boa compaña, animádevos a participar.

Comezaremos ás 12h no cafe-bar da Granxa do Xesto, realizaremos a entrega do II Premio Kikiricontos (e escoitaremos as persoas premiadas leren os seus relatos), continuará Xurxo falando de creación literaria e remataremos co xantar e a foliada.