Xul 102015
 2015-07-10T11:08:07+00:00

O vindeiro sábado 11 de xullo Outeiro de Rei da Terra Chá vai acoller, por segundo ano, o Convivio da Cultura Galega: unha iniciativa conxunta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, a federación de asociacións culturais galegas Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela.

O Convivio quere ser un espazo anual de encontro e de festa entre todas aquelas persoas e colectivos do país que facen cultura galega, de base e popular, desde todas as súas expresións, xuntándose ao bo abeiro de Manuel María na súa “Tribo” natal de Outeiro de Rei da Terra Chá, entre a súa nativa Casa de Hortas, desde o 7 de setembro de 2013 Casa-Museo, e a magnífica paraxe natural da Carballeira da Santa Isabel, á beira dos ríos Miño e Ladra, onde se desenvolverá a maior parte da xornada.

CARTEL OUTEIRO DE REIAnimámosvos a todas e a todos a participardes nesta xornada festiva e a que a difundades entre todos os vosos contactos e amizades. Este ano, como novidade, a partir das seis da tarde no mesmo espazo da Carballeira, terá lugar unha foliada aberta que estará animada polo sempre tan ben disposto Xurxo Souto. Nesta foliada poden participar todos os grupos e colectivos que o desexaren, así como a xente que por libre se quixer xuntar para cantar, bailar, tocar… A xente interesada en participar só o ten que comunicar  a través do teléfono 698 177 621 ou do correo-efundacion@manuelmaria.com

Hai tamén un evento en Facebook que vos animamos a compartir para quen esteades nesta rede social: https://www.facebook.com/events/1629378080608365/

O xantar será na Carballeira, onde hai algunhas mesas (a organización porá cadeiras). Lembrade, iso si, que cada quen deberá levar a súa propia comida e bebida.

Desde algunhas comarcas do país haberá autobuses gratuítos para facilitar o desprazamento a Outeiro para quen o precisar ou preferir ese medio de transporte. Convén reservar praza chamando aos teléfonos que se indican en cada caso:

A Coruña: 698 177 621 ou fundacion@manuelmaria.com

Ferrol: 646 571 168 (vaiporelas@gmail.com)

Compostela: 676 675 030