Feb 092016
 2016-02-09T23:39:34+00:00

A viaxe ao fin do mundo de Manuel F. RodríguezO venres 19 de febrero ás 20:30h, a AC. O Galo organiza unha palestra na zona acristalada do café Airas Nunes (rúa do Vilar nº17) sobre A viaxe á fin do mundo de Manuel F. Rodríguez.

É unha novela que conxuga a ficción coa información obtida despois dun árduo traballo de documentación, que mestura os tempos e que se basea en sucesos reais: o roubo na catedral de Santiago da Cruz dos Peregrinos (1906) e o incendio que esfarelou o retablo da capela das Reliquias (1921), onde se amosaba. Ambas desgracias nunca se aclararon, permanecen envoltas en enigmas e controversias. Incruso na narración de Manuel F. Rodríguez só un xornalista, personaxe inspirado na prensa local da época, quererá respostas ante os inquietantes feitos que comezan a condicionar a súa vida. A novela introdúcenos nun circuito ateigado de secretos que nos conducen a arelar destapar o porque e o para que do roubo e a causa de que non se descubrirán os ladróns, así como a cavilar onde se pode atopar, de non estar desfeita e vendidas as súas xemas.

Alfonso III doou a Cruz dos Peregrinos en 874, cando veu a Compostela coa súa dona Ximena, unha das primeiras peregrinas, e coñécese grazas a unha fotografía. O xeógrafo Al-Idrisi (s. XII), cuantificou no tesouro da catedral compostelán mais de trescentas cruces de ouro e prata e con xacintos, esmeraldas e outras pedras.
Cruz dos Peregrinos doada por Alfonso III

Pero ata hai pouco, foi frecuente vender as xoias dos templos, ou fundilas para logo axeitalas ao gusto dos tempos. De feito o párroco de Chal, diócesis de Winchester, condicionou a doación do seu retablo á basílica santiaguesa, a que este non se vendese, nin empeñase nin permutase, nin se dese a outro lugar ou santuario, e puxo como garante de tal á concencia do arcebispo e á dos seus sucesores

Filgueira Valverde suxiriu que o roubo da Cruz dos Peregrinos foi por encargo e que cabe relacionalo cun grupo de supostos ladróns marselleses que naquelas datas se atoparían en Compostela. Son hipóteses a considerar, xa que, en 1906, na capela das Reliquias había pezas con maior valor económico que a cruz.

Recreación da Cruz dos Peregrinos

Segundo Franco Mata, a cruz que Alfonso III doou a Santiago era arremedo da dos Ánxos de Oviedo, con igual tamaño, pedras preciosas –48– e decorada con filigrana, como o modelo. Cruces do mesmo tipo, pero sen disco central, existen en Oriente, como a Cruz de Moisés, doada por Justiniano a Stª Catalina do Sinaí. Como á dos Peregrinos carecía de empuñadura e pé, posuía filigrana e 48 xemas. O 48 tamén se repite na decoración, entre outras, das desaparecidas cruces das catedrais de Tournai e Compostela, e na de Berengario da de Monza. O 48 componse de dous números sagrados (4 e 8) que suman outro número sagrado (12) que representa a perfección.