Mar 062016
 2016-03-06T22:39:28+00:00

  8 de Marzo Día Internacional da Muller 

STOP A TODAS AS DESIGUALDADESCARTEL_represion mulleres 1936. Montse Fajardo

 Palestra 12094905_472693936235600_3222115428078342599_osobre A REPRESIÓN SOBRE AS MULLERES EN GALIZA TRAS O GOLPE DE ESTADO DE 1936
impartida pola escritora e xornalista Montse Fajardo coa participación de Luis Bará, investigador.

O xoves 10 de marzo ás 20:30h libraría Lila de Lilith (rúa Travesa 7. Santiago).

A palestra abordará a represión sufrida polas mulleres nunha zona na que “non houbo guerra” e si un xenocidio: As persoas que morreron á consecuencia do golpe de Estado do 36 na Galiza non o fixeron nunha batalla, foron asasinadas. O seu esquecemento e o das súas familias, é unha inxustiza e unha ignominia. Ficaron infamadas e agochadas mentres o novo réxime democrático mantiña as mentiras do franquismo: as hemorraxias internas nas actas de defunción das fusiladas, as teorías negacionistas que equiparaban ambos bandos, as placas honrando os verdugos nas rúas, mentres as vítimas permanecían silenciadas.

No caso das mulleres, o silencio foi aínda máis fondo. Incluso cando se traballa na memoria, se lle soe dar prioridade aos homes, porque foron máis no paredón, na cuneta ou no presidio.Porén, as mulleres galegas non só se viron afectadas polos mesmos tipos de represión ca eles, senón que, ademais, o fascismo practicou con elas castigos de índole machista como a rapa, a inxestión de aceite de ricino, a tatuaxe ou a violación.

Nesta palestra-debate Montse Fajardo repasará as tipoloxías da represión contra as mulleres, con exemplos e fotos e defenderá a necesidade de ampliar o termo vítimas “ás que quedaron”: nais, orfas, viúvas, irmáns, mulleres que, por riba de quedar sen o ser querido, perderon tamén o principal sustento do fogar. Falará de como saíron adiante e dos seus xeitos resistentes de lembrar, nun tempo sen dereito a dó. De como se mantivo viva a memoria do que pasou e de como chega hoxe ata nós.

Todas seguimos sendo vítimas dun momento histórico no que as liberdades que se empezaban a albiscar, desapareceron baixo o abafante manto gris do fascismo, que relegou á muller ao papel de esposa e nai e asemade procurou matar a economía, a cultura e a identidade de Galiza.