Abr 032016
 2016-04-03T16:41:00+00:00

Palestra-Presentación do Monográfico de Murguía

Revista galega de Historia sobre as Irmandades da Fala

Venres 8 de abril de 2016 ás 20:30 na librería Couceiro de Santiago (Praza Cervantes 10)Varios Murguia32Murguía

Murguía

Intervirán Xusto G. Beramendi catedrático emérito da Univ. de Santiago e Uxío-Breogán Diéguez, doutor pola Univ. de Barcelona e profesor na da Coruña. Ambos fan parte do Galeusca Historia, grupo que reúne a máis de cen historiadoras/es de Galiza, Euskadi e Catalunya.

Este número da revista Murguía, deriva da conmemoración do Centenario das Irmandades da Fala. Nel debúllanse a súa creación, preséntanse ás súas figuras e os seus proxectos máis relevantes e analízase o que foron e constituíron.

Murguía, Revista Galega de Historia, vol 32 é unha homenaxe ás Irmandades da Fala e á Galiza do seu tempo. Abre as páxinas de Investigación con dúas achegas á realidade agraria e obreira da Galiza de finais do s. XIX e primeiro terzo do s.XX, da man de Carlos Velasco Souto e Dionisio Pereira. A continuación, Pilar García Negro trata arredor de O feito lingüístico galego de Ramón Vilar Ponte; Xusto Beramendi, aborda o proceso de creación e do axir das Irmandades da Fala e Xesús Torres Regueiro mergúllanos nas singularidades da Irmandade da Fala de Betanzos.

A seguir, Miguel Cabo Villaverde afonda na atracción do galeguismo do primeiro terzo do s. XX polos Países Baixos; Xosé Enrique Portela no significado da obra pictórica de Daniel Rodríguez Castelao e, por último, Ramón Rodríguez Palleiro, Moncho do Orzán, no nacemento e labor dos nosos coros nas dúas primeiras décadas, nomeadamente, sobre Cántigas da Terra.

En A Entrevista, Marga do Val conversa coas bisnetas de Cándida Rodríguez González, asasinada en Sobredo (1922) no marco dunhas mobilizacións populares. En Museos e Arquivos Pedro Incio Piñeiro, realiza un percorrido pola Biblioteca da Real Academia Galega.

As páxinas de Lembranzas fican ocupadas polo traballo de Prudencio Viveiro Mogo, centrado en Lois Porteiro Garea. Gustavo Hervella García e Prudencio Viveiro Mogo encárganse das de Lecturas, comentando: A Revolución escrita. A prensa obreira galega (1866-1936), Nacionalismo Galego aquén e alén mar. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975) así como Emigración, negocios e política na Galicia rural: Coles (1887-1940), estudos da autoría de Óscar Freán, Uxío-Breogán Diéguez e Raúl Soutelo, respectivamente. E na sección A Rede, aparece unha visita sitio web do Arquivo do Nacionalismo Galego e do Nationalism Studies Program.