Peregrinaxes: viaxando con Manuel María

 Posted by at 10:39 on 04/06/2016  Língua
Xuñ 042016
 2016-06-04T10:39:47+00:00

EsLoispazo Enocultural Vide-Vide

R/ Fonte do Stº Antonio nº 10

Xoves 9 de xuño ás 20:30

Veremos o DVD e intervirán o escritor Lois Diéguez , director e guionista do audiovisual e o profesor de filosofía Xoán Carlos Garrido, o seu realizador.

Dos actos en homenaxe a Manuel María de 2005 en Outeiro de Rei, saíu o DVD que recolle unha das vocacións, profunda vocación, de Manuel María: a de viaxeiro. Cantas terras andamos xuntos, el, Saleta e máis servidor. Cantos mundos. De aquí e do estranxeiro. Cantos momentos felices, porque viaxar con el era como compartir unha parte da sabedoría do mundo. Gozar da observación, dos olores, dos sabores de diferentes e ricas culturas.

Afortunadamente temos o pracer de lembralos, nas miñas notas, abundantes, e sobre todo, nos seus libros, e en artigos numerosos, parte dos cales foron recollidos por Miguel Mato Fondo e Mª Pilar García Negro no libro Andando a Terra (1977-1987), de Ed. A Nosa Terra, de 1990. Dos libros poéticos, a xeito de cadernos de viaxes, podemos gozar das emocións e visións do poeta, en Versos do lume e o vagalume (1982), ou O camiño é unha nostalxia (1985), ou  Oráculos para cavaliños do demo (1986)sen esquecer que na maioría dos que creou sempre haberá unha alusión ou tratamento relacionado coas viaxes.

 

Fantástico e proveitoso foi chegar máis aló das nosas fronteiras ao mundo de oriente (Exipto, Palestina, Israel…), ao mundo clásico de gregos e romanos do que tanto nos falaba cando aínda eramos adolescentes (Italia, Grecia, Sicilia…) ou ao vasto mundo das culturas e idiomas  relacionados co noso (Bretaña, Occitania, Normandía…), baixo o convite aberto do maior viaxeiro e guía que o noso país ten: Felipe Senén López. Precisamente o Felipe aportou ao DVD do ano 2005 unha chea de vídeos e imaxes desas viaxes ao estranxeiro que, aínda gastadas, son hoxe singular testemuño das cousas que contamos.

Lois Diéguez

(Extracto da introdución ao DVD Peregrinaxes: viaxando con Manuel María)